Quen queira unha oportunidade para avanzar no camiño de facerse co mellor equipo profesional, vai tela os vindeiros días da man de Vitae Consultores, grazas á nova edición (a número 13) do seu Curso de Avaliación e Selección Avanzada de Perfís TI (e non TI): un obradoiro formativo que nos mostra como explotar ao máximo o noso talento para formar os máis axeitados grupos profesionais para as nosas empresas.
A actividade está novamente encamiñada a directores de proxectos e profesionais de recursos humanos. Terá unha duración de 20 horas e celébrase en catro xornadas, os días 5, 6, 12 e 13 de abril en Vigo, no Centro Social Fundación Abanca (rúa Policarpo Sanz, 24-26).
Respecto das orixes e os porqués do obradoiro, Vitae recorda que nas contornas académicas e empresariais actuais existe un baleiro en materia de capacitación de profesionais cos coñecementos e psicoloxía precisos para calibrar o talento das demais persoas que ten ao seu arredor, neste caso posibles candidatos para unha empresa ou proxecto TIC, ou non TIC. “Isto”, explica a consultora galega, “leva a que falle todo o modelo de exame, pois falla o alicerce do mesmo, é dicir, que quen avalía non foi formado nin capacitado para isto”.
O obradoiro abordará, nun comezo, a importancia do autocoñecemento para calibrarmos a outro profesional: trátase do primeiro paso fundamental para desenvolver este labor e acadar a máxima obxectividade. “Neste curso”, engade Vitae, “fornecerase aos avaliadores das ferramentas precisas para o autocoñecemento e para o exame doutros profesionais sexa cal sexa o modelo de avaliación do desempeño que se empregue”.
A consultora tamén lembra que “o sector tecnolóxico-dixital demanda arestora máis profesionais dos dispoñibles no mercado laboral e isto xéralles tensións ás empresas en canto a cumpriren os compromisos profesionais en calidade de prazo cos seus clientes e en controlar os custes salariais e a equidade interna dos mesmos”. O devandito curso céntrase en axudarnos a superar as ditas tensións.
Máis polo miúdo, envórcase na eficacia (“en que facer, máis que na eficiencia”) para seleccionar candidatos e avaliar o desempeño dos nosos profesionais en contornas de escaseza de profesionais, “aínda que ámbalas facetas, a eficacia e a eficiencia”, sinala Vitae, “son precisas para o éxito nos procesos de selección e avaliación”.
En definitiva, o obradoiro fornecerá un “método e unhas ferramentas coas que se teñen acadado porcentaxes de éxito de máis do 90% en selección de perfís TI, incluíndo perfís técnicos, perfís de xefes de proxectos, perfís de desenvolvemento de negocio e perfís de alta dirección”, explican dende Vitae, engadindo que o reto para os ditos procesos de escolma e análise é “ter un criterio para saber en que aspectos ceder e en cales non ceder na contratación dunha ou dun candidata/o ou na promoción dun dos nosos profesionais”.
O curso vai dirixido a directores e xefes de proxectos, xerentes ou profesionais de recursos humanos ou ben a calquera profesional que desexe adquirir as habilidades e os coñecementos para a selección e avaliación tanto de perfís tecnolóxico-dixitais como de calquera outro sector.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos.
Vitae adestraranos na creación dos mellores equipos de profesionais TIC
Compartir Este Artigo

