Aerocamaras, a empresa galega de formación e desenvolvemento tecnolóxico arredor dos vehículos aéreos non tripulados, vai realizar unha nova edición do seu Curso Oficial de Piloto de Drons en Emerxencias e Seguridade, homologado pola Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). Aerocamaras, que é pioneira neste tipo de capacitación profesional, lembra que a actividade inclúe un programa de 48 horas, das cales 24 realizaranse de forma online e as 24 restantes serán de carácter presencial repartidas en tres xornadas, que levarán a cabo en Ourense os días 25, 26 e 27 de marzo.
Segundo recorda a empresa acerca da relevancia do curso, “os drons son na actualidade unha ferramenta moi útil para apoiar os traballos realizados polos profesionais dos corpos de emerxencias e seguridade, tal e como o demostran aparellos como o dron híbrido de Aerocamaras, que pode carrexar unha carga de ata 5 quilogramos, presentándose como unha solución de primeira orde para tarefas como o traslado de material de auxilio a vítimas que se atopan atrapadas de acceso complexo”. Os drons de Aerocamaras, que chegan a ter unha autonomía de ata 7 horas, permiten tamén axustar cámaras térmicas e de alta resolución co fin de localizar persoas extraviadas en grandes extensións de terreo.
Volvendo á formación, a vertente presencial será completamente práctica e desenvolverase nos dous centros homologados que Aerocamaras ten situados en Ourense. O curso está dirixido, en xeral, a todos os corpos que interveñen en situacións de emerxencias e seguridade: técnicos sanitarios, corpos de Bombeiros, Protección Civil, Policía, Garda Civil, Salvamento Marítimo, persoal militar…
A instrución será impartida por pilotos con máis de 15 anos de experiencia no sector. Cada un deles ten máis de 10.000 horas de voo en traballos reais e están especializados nunha área concreta: aeronáutica, emerxencias, seguridade, pilotaxe… Ademais, no curso estarán presentes profesionais de corpos de emerxencias e seguridade altamente cualificados.
Unha vez remata a actividade formativa, os asistentes adquirirán os coñecementos necesarios para apoiar aos equipos intervenientes en Emerxencias e Seguridade ou introducir o voo de aeronaves non tripuladas en coordinación co resto de equipos de intervención dun mando único. Amais, estarán en disposición de afrontar as dificultades que poidan xurdir en voos de drons en situacións de emerxencias e seguridade.
As persoas interesadas en realizar este curso poden solicitar máis información e materializar a súa inscrición a través das páxinas web www.cursodedrones.es e www.cursodronesemergencias.com ou chamando ao 986 18 18 18.
Aerocamaras celebra unha nova edición do seu curso oficial de piloto de drons en emerxencias
Compartir Este Artigo

