Os defectos de fabricación é algo que en moitas ocasións os fabricantes agochan para non ter que facer fronte a devolucións ou reparacións masivas, e semella que Apple non está libre deste tipo de práctica, e está a corrixir un fallo sen recoñecer antes a súa existencia.
Falamos do problema bautizado como flexgate, que consiste en fallos da pantalla dos MacBook Pro de a partires de 2016, que cun uso ordinario rematan tendo problemas na retroiluminación inferior, chegando a retroiluminación da pantalla a apagarse nalgún ángulo en concreto, o que é debido á rotura dun cable flex por mor do simple desgaste, o que noutros equipos podería terse solucionado dun xeito moi económico substituíndo o cable en cuestión, pero que dado que nestas últimas pantallas o cable está soldado, para a reparación é preciso mudar a pantalla enteira (cun prezo superior aos 600 dólares).
Os afectados por este fallo normalmente vían que a garantía do seu equipo cubría a súa reparación, pero temen que no futuro iso non sexa así, polo que chegaron a facer unha petición a Apple para esixir unha ampliación da garantía en caso de aparecer o problema detectado e agora dende iFixit desvelan que en vez de recoñecer a existencia do fallo de deseño decidiron atallalo dun xeito económico: empregando un cable flex 2 milímetros máis longo.
Dende iFixit consideran que esta medida como mínimo adiará considerablemente o fallo do cable, aínda que o máis desexable sería que, como acontece con outras pantallas, o cable puidese substituírse. De feito, os últimos MacBook Pro están considerados como uns dos equipos informáticos menos reparables do mercado, algo que certos usuarios terían que ponderar na súa decisión de compra, xa que pode ter importantes consecuencias a longo prazo.
Apple realiza un cambio nos MacBook Pro para corrixir un fallo que non admite publicamente
Compartir Este Artigo
