Hai pouco máis dun mes Meizu sorprendía cunha campaña de micromecenado en Indiegogo para facer relialidade o Meizu Zero, un smartphone sen buratos, o que era un bo xeito de dar a coñecer esta innovación, pero que ao presentarse o produto cun prezo de 1.299 dólares quedaba claro que non pretendían unhas boas vendas e nin sequera producir en masa o teléfono, de aí que non sorprendese que a campaña non chegase nin sequera á metade do seu obxectivo de financiamento.
Pasado o tempo temos como o fundador e director xeral da compañía, Jack Wong, admitiu sorprendentemente nun foro da súa páxina web que «este financiamento colectivo realizouno o departamento de marketing. O teléfono sen buratos é só un proxecto do departamento de I+D. Nunca tivemos a intención de producir en masa este proxecto».
É moi pouco habitual que un directivo recoñeza publicamente algo semellante, pois estamos ante o xa clásico abuso das plataformas de micromecenado como soporte publicitario, ou sexa, que marcas recoñecidas están a lanzar iniciativas en Indiegogo ou Kickstarter simplemente para conseguir exposición, xa que teñen financiamento dabondo para non ter que recorrer a estas fórmulas colectivas para facer realidade os seus produtos.
O fundador de Meizu recoñece que o seu móbil sen buratos era puro marketing
Compartir Este Artigo
