A empresa galega oSIGris, firma innovadora de agricultura de precisión especializada en achegar tecnoloxías de control e xestión das explotacións, vén de lanzar unha revolucionaria aplicación para móbiles que subministra un extra de universalidade aos desenvolvementos previos feitos pola compañía: a súa posta a disposición da comunidade, con todo o que isto implica. A ferramenta en cuestión, concibida para os pequenos e medianos agricultores, brinda aos usuarios “a posibilidade de mellorar a súa produtividade e abaratar custos a través dun sistema de balde que dixitaliza a organización e xestión dos cultivos”, sinalan os integrantes de oSIGris.
Segundo fai saber Jose Senande, director executivo (CEO) da empresa galega, era importante facilitar coas tecnoloxías actuais de información e localización o quefacer das persoas que traballan con parcelas miúdas e que non contan con recursos necesarios para transformar aos seus procesos do mesmo xeito que as compañías de gran envergadura. “O 75% dos agricultores de España”, explica Jose, “encádranse nunha superficie inferior ás 10 hectáreas, e é un nicho que ata agora ningunha empresa tivo en conta”. E engade: “Existen moitas empresas de agricultura de precisión pero todas están enfocadas ao 25% que si poden permitirse unha subscrición”. Porén, a app de oSIGris foi concibida dende a a súa orixe para quen non está en disposición de facela, permitíndolle de maneira sinxela facer cousas como rexistrar a parcela ou parcelas e introducir toda a información referida a pragas, doenzas, tratamentos, fertilizantes e crecemento.
Máis características
Complementada con datos relativos a maquinaria e manipulador utilizados, o sistema xera un calendario de campo onde o usuario pode almacenar todas as súas incidencias en tempo real e desde a súa propia parcela. Amais, mediante o rexistro na app, o software asigna a estación meteorolóxica máis próxima, dentro da rede proporcionada por AEMET e Meteogalicia. Así mesmo, oSIGris fornece aos agricultores dun avanzado sistema de alertas de pragas e enfermidades que lles permite coñecer todas as incidencias nun radio de ata 10 quilómetros en tempo real. “Esta información”, explican dende a empresa galega, “é proporcionada polos propios usuarios da ferramenta móbil sempre baixo o máis estrito anonimato, e arquívase nunha base de datos para un coñecemento máis profundo de cada cultivo”.
De feito, un dos grandes alicerces desta tecnoloxía é a súa capacidade de análise de información a gran escala, Big Data, un dos elementos diferenciais da aplicación que, entre outras cousas, é quen de crear mapas interactivos para visualizar estatísticas por concellos, e permite crear comunidades de usuarios, unha funcionalidade que segundo explican dende oSIGris, é “de especial interese para cooperativas”.
A galega oSIGris lanza unha revolucionaria app de xestión ao servizo dos pequenos e medianos agricultores
Compartir Este Artigo

