Quen queira introducirse na robótica, a programación e as novas tecnoloxías e as súas potencialidades para o ensino vai ter esta fin de semana unha boa oportunidade para mergullarse nelas. A razón? O desenvolvemento do décimo Seminario Obradoiro Internacional de Materiais Didácticos, que se celebra os días 29 e 30 de marzo en Bertamiráns, o primeiro día no Pazo da Peregrina e o segundo na Casa da Cultura. A cita dupla conta coa colaboración do Concello e coa Nova Escola Galega e o grupo CAVILA en materias de organización.
O seminario-obradoiro ten a finalidade de ofrecer un espazo de encontro para o profesorado e a comunidade educativa (familias, outros/as profesionais…) e co obxectivo de favorecer a análise e utilización crítica dos robots nas aulas de educación infantil, primaria e secundaria.
Como dixemos, o día 29 o encontro terá lugar no Pazo da Peregrina, no que se dará comezo ao seminario cunha conferencia inaugural que servirá para situar o significado das competencias STEM e a súa implicación para a aprendizaxe e o coñecemento. A continuación realizarase unha presentación da Aula Nova – CAFI. O día rematará cun encontro lúdico-cultural no que se celebrarán os 10 anos do seminario.
Ao día seguinte, o sábado 30, a cita será na Casa de Cultura de Bertamiráns iniciando a xornada cunha exposición fotográfica e, de seguido, con obradoiros simultáneos nos que os asistentes poderán iniciarse no desenvolvemento práctico da avaliación dos robots como recursos educativos. Estes talleres artéllanse en tres tramos da educación: infantil; primaria e secundaria. Destaca a presenza neles de dúas mestras de educación primaria do CEIP Ponte dos Brozos, de Arteixo, que recibiu en 2018 o terceiro premio do Premio Nacional Fundación GSD de Innovación Educativa polo proxecto Realidade virtual e storytelling.
O seminario está dirixido aos docentes dos centros escolares, así como ao conxunto da veciñanza amesá. Aborda cuestións de grande interese como é a robótica e mailas TIC. Ademais, permitirá afondar na utilización da robótica tanto nos colexios como nos fogares e nas metodoloxías STEM.
Bertamiráns será esta finde a capital da robótica educativa
Compartir Este Artigo

