Chegou o mes de abril e tamén o momento de ser conscientes da limpa de primavera de Google, que mentres anuncia novidades para celebrar os 15 anos de Gmail tamén realiza importantes peches, de xeito que xa non podemos empregar goo.gl a xeito de acurtador de ligazóns da Internet, a aplicación experimental de correo electrónico Inbox deixa de estar dispoñible e Google+ retírase definitivamente como a rede social que pretendía ser nos seus inicios.
Aínda que o peche de Inbox poida parecer unha media cruel por parte de Google, o certo é que esta aplicación serviu para probar e desenvolver funcións para o correo electrónico que paulatinamente foron incorporándose a Gmail, de xeito que manter unha aplicación por separado era un esforzo difícil de xustificar.
O caso de Google+ é moi diferente, xa que esta plataforma social levaba anos sendo totalmente irrelevante, e ao acumularse os fallos de seguridade na plataforma preferiron acelerar o seu peche para non ter que investir recursos para solucionar uns problemas que na práctica non importaban a ninguén. Estamos nun caso totalmente oposto ao de Inbox, pois a ferramenta de correo electrónico continúa a ter partidarios, mentres que Google+ había moito tempo que era ignorada polo grande público e incluso recibíase como unha molesta imposición por parte de Google, de aí que o seu peche chega a verse como algo positivo.
En calquera caso, a desaparición de produtos e servizos en liña de xigantes como Google sempre chaman á reflexión, xa que son exemplos da facilidade coa que os contidos na Rede poden dicir adeus en pouco tempo, e non parece que na actualidade teñamos medios para preservar o patrimonio dixital xerado nos últimos anos.
Adeus a goo.gl, Inbox e Google+
Compartir Este Artigo
