Quen queira tecnoloxías para facer, ver e investigar, vai ter esta fin de semana unha boa oportunidade de achegarse ás vertentes máis construtivas do dixital na semana ICC Week de Ourense, organizada pola Deputación. Ao seu abeiro, o operador galego R ofrecerá obradoiros de animación dentro da iniciativa lúdica CreaR da compañía. Os talleres encádranse no apartado ICC Kids, espazo reservado para os máis pequenos. A idea é achegarlles, “dun xeito didáctico e divertido”, as novas tecnoloxías, e que comprendan que se consumen pero tamén se crean.
Segundo informa R, en ICC Kids o programa CreaR toma “un rumbo singular” pois, no canto dos obradoiros de robótica que se están a desenvolver noutras localidades, o operador galego propón unha actividade onde a cativada aprenderá a técnica de animación stop motion, consistente en materializar movemento audiovisual dando continuidade a imaxes fixas de obxectos estáticos. A operadora tamén explica que a devandita é unha das técnicas de animación máis antigas do cinema, á que agora se aproximarán os pequenos da man de Líbolis, Pequenos Emprendedores, a primeira escola de emprendemento para nenas e nenos na nosa Comunidade.
Os obradoiros de stop motion na ICC Kids desenvolveranse o vindeiro sábado 6 de abril no Centro Cultural Carlos Valcárcel de Ourense, e para organizalos artellaranse equipos de 4 ou 5 nenos e nenas divididos en tres quendas (dun máximo de 30 pequenos cada unha) segundo as súas idades. De 10:30 a 11:30 h realizaranse os talleres para os pequenos e pequenas de 7 e 8 anos; de 11:30 a 12:30 h, para os de 9 e 10 anos; e de 12:30 a 13:30 h para os de 11 e 12 anos.
As entradas, tanto para clientes coma para non clientes de R, serán de balde, previa recollida do convite na tenda R da rúa Lamas Carbajal, 28 de Ourense, onde están dispoñibles dende o pasado 27 de marzo e ata completar o aforo.
Periplo argalleiro
As novas xeiras formativas e as charlas do programa CreaR arrincaron a súa andaina o pasado 23 de febreiro en Carballo, e logo da cita de Vilanova e desta finde en Ourense, visitarán tamén (ata final de ano) as localidades de Monforte de Lemos, Nigrán, A Coruña, Pontevedra, Ribeira e Narón.
O proxecto educativo CreaR está aberto ao público xeral, tanto a clientes como a non clientes do operador galego. Tan só é preciso contar con algún dos convites que R porá a disposición da xente nos puntos de venda das localidades onde se celebre a acción cada mes.
Os obradoiros enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da axencia AMTEGA) para estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico-tecnolóxicas especialmente entre mozos e mozas dende idades temperás.
R implícase na ICC Week de Ourense con obradoiros de stop-motion para a rapazada
Compartir Este Artigo

