Este xoves comeza oficialmente a sexta edición do Carballo Interplay, o festival de contidos dixitais e webseries da vila bergantiñá, un dos máis referenciais do seu ámbito a nivel estatal e internacional, que salienta por xuntar, cada ano, o máis sobranceiro dos novos xeitos de facer produtos audiovisuais Nesta edición compartirán espazo directivos das principais distribuidoras e produtoras estatais (Zona Pro), creadoras e creadores da nosa terra e algúns dos máis destacados representantes da industria arxentina, o país convidado.
A do xoves será unha xornada profesional, baixo o título Na procura do talento dixital e co apoio de asociacións galegas como AAAG, AGAG, CREA ou AGAPI. O obxectivo: dar a coñecer novas formas de creación, produción e xestión do talento audiovisual na Rede.
Das cuestións relacionadas coa produción, co mercado global e cos seus desafíos falarán mañá Agustín Alonso (Playz – RTVE), Mafalda González-Alegre (Flooxer), Carla Rogel (Mediapro Labs) e Alfonso Blanco (Portocabo), moderados por José Antonio Velo, de Astrágalo Studio, en representación de AGAPI. Por outra banda, dos novos contextos para actores, actrices e comunicadores en xeral, debaterán este xoves Lucía Regueiro (actriz e presentadora), Amalia Mato (representante e produtora), Román Camba (Ingenio Interactiva) e María Vázquez (actriz), moderadas pola tamén actriz Iria Sobrado, en representación da AAAG. Da aparición de novas plataformas e novos xeitos da narrar falarán Enrique Lojo (guionista), Christian Flores (creador audiovisual), Mercedes Marcos (responsable de desenvolvemento de Asubío Media) e Beatriz Legerén (profesora de deseño e guión de videoxogos na Uvigo), moderados por Marta Piñeiro, realizadora, en representación de CREA.
E, como colofón, terá lugar unha jam-session de talento dixital, unha sesión de mentorado aberta na que na que produtores, creadores e talentos dixitais poderán compartir os seus proxectos con Esther Medina (xefa do Servizo de Innovación no Entorno Dixital de TVG), Alberto Fernández (Playz), Mafalda González Alegre (desenvolvemento de contido de Flooxer e Atresplayer), Carla Rogel (Mediapro), José Antonio Velo (AGAPI), Agustina Lumi (CINE.AR, Arxentina), Rocío Carbajal (UN3TV, Arxentina), Martín Lapissonde (BAWWEBFEST, Arxentina), Beatriz Legerén (docente na Universidade de Vigo), Mercedes Marcos (Asubío Media), David Sainz (director e guionista), Teresa Segura (produtora), Christian Flores (creador audiovisual), Marta Piñeiro (directora, CREA) e Enrique Lojo (guionista, AGAG).
País convidado, Arxentino
A Zona PRO do Carballo Interplay acollerá tamén o encontro entre a industria galega e española e a do país convidado, Arxentina, un referente en Latinoamércia no eido da ficción e as series feitas para Internet. Grazas á colaboración entre o festival e o Cluster Audiovisual de Galicia, participan neste VI Carballo Interplay Martín Lapissonde (Macaco Films e director BAWEBFEST), Rocío Carbajo (coordinadora de contidos de UN3Tv) e Agustina Lumi (Coordinadora de contidos CINE.AR- plataforma FVOD del INCAA de Arxentina).
Webseries galegas
Mañá, a partir das 17.30 horas, dentro da sección oficial (Antolepsia), poderanse ver as seguintes webseries galegas: A Partida, As cousas do Choio, As cores da lus do mundo, Cativos na cociña, Mondo Nando ou Rural Horror Storis.
Amais, a partir das 19h30, daranse a coñecer as contribucións que compiten polo Premio a proxectos de webseries en versión orixinal galega: a comedia Válgame Deus! dirixida por Rubén Rodríguez e protagonizada por David Perdomo; a serie futurista Amnesia das novísimas Iria Iglesias, Natalia Porca e Irene Pin; a resposta ás fake news que propón A mafia da verdade, de Cristina Moreira; e a historia do peculiar millenial Xan, de Lucía Estévez e Miguel Canalejo. Farano nun pitching público, perante o xurado formado por Sandra Lesta, Nati Juncal, Enrique Lojo e Xosé Regueira.
E despois, ás 21h, o auditorio do Pazo de Cultura carballés acollerá a proxección dos tres primeiros capítulos Sígueme, a serie impulsada por un grupo de estudantes de Comunicación Audiovisual da USC baixo a dirección de Nuria Cancela que obtivo o premio ao mellor proxecto na pasada edición. Sígueme conta a historia dunha psicóloga que leva a cabo unha terapia experimental e está protagonizada por Paula Cereixo, acompañada por actores e actrices tan coñecidos e recoñecidos como Antonio Mourelos, María Costas, Xosé Barato ou Monti Castiñeiras.
O Carballo Interplay xunta este xoves a vangarda global dos contidos dixitais
Compartir Este Artigo

