A Universidade de Santiago presentou estes días unha actividade formativa pioneira: o primeiro Curso de perfeccionamento en tecnoloxías dixitais en Ciencias Sociais e Xurídicas, que se celebrará entre finais de maio e xullo e que irá dirixido a estudantes de grao e posgrao das devanditas áreas científicas, así como a profesionais da economía, a avogacía, asesores e consultores, empresarios/as, persoal directivo, funcionarios/as das administracións públicas e público en xeral.
O curso, no que xa se pode formalizar a matrícula, desenvolverase a distancia a través da plataforma Zoom para as videoconferencias. As clases celebraranse entre o 23 de maio e o 23 de xullo. Quen desexe máis información sobre a acción formativa, pode facelo a través da súa páxina específica.
O curso ten o seu xermolo na necesidade de adaptarnos nas transformación xeradas pola cuarta revolución industrial (a revolución tecnolóxico-dixital que estamos a vivir) e de capacitar novas e novos profesionais con amplos coñecementos sobre as súas implicacións económicas, xurídicas e sociais.
O programa docente abordará os conceptos fundamentais relativos a procesos e tecnoloxías que marquen un antes e un despois (disruptivas) no seo da sociedade e a economía dixital, entre outras cuestións relativas a procesos de automatización (Industria 4.0), Cidades intelixentes, Internet das Cousas, datos a gran escala (Big Data), cadea de bloques (Blockchain), criptomoedas, smarts contracts, fintech, ciberseguridade nas empresas, protección de datos na sociedade dixital ou eAdministración. O curso diríxeno os profesores César García Novoa, catedrático de Dereito Financeiro e Tributario, e Luis Otero González, titular de Economía Financeira e Contabilidade.
A USC abordará nun curso os cambios sociais e xurídicos da cuarta revolución industrial
Compartir Este Artigo

