Correlingua, a carreira-mobilización da mocidade a prol da lingua galega, vén de presentar en Lugo a súa edición 19. A cita foi no salón de actos da Deputación, nun acto que contou coa presenza de Anxo Terán, presidente da iniciativa, e a deputada de Cultura, Pilar García Porto, quen ratificou a aposta da entidade provincial a prol das actividades do certame, apoio do que xa falamos o ano pasado por estas datas, salientando a importante verntente dixital do programa: tanto a través de www.correlingua.gal coma no Facebook, na rede social Twitter ou en YouTube. Na presentación destacouse a vontade integradora da carreira de Correlingua (poden participar na andaina e nos concursos alumnas e alumnos de todos os ciclos) e déronse a coñecer os equipos premiados nos concursos da anterior edición (creación de vídeos, banda deseñada e manifesto).
Asemade, lembrouse que a nova competición, que arrinca baixo o lema O galego é a fórmula, será novamente un significativo acto conmemorativo do Día das Letras Galegas, que percorrerá a nosa terra do 2 ao 16 de maio desde Cangas do Morrazo ata Pontevedra pasando pola Coruña, Santiago de Compostela, Ribadeo, Ponteareas, Lugo, Narón, A Estrada, Monforte de Lemos, Vigo e Ourense.
Igualmente, fíxose saber que a previsión para esta nova convocatoria é de que participen máis de 18.000 estudantes de toda a xeografía galega, uns 3.500 da provincia lucense.
Canda Terán e García Porto tamén participou na presentación Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, quen salientou a necesidade de “darlle a volta ás cifras do uso do galego produto das políticas da Xunta, que lexisla prohibindo o galego, por exemplo, nas ciencias”. Pola súa banda, Mónica Pazos, secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, centrou a atención na necesidade de participar no Correlingua como unha actividade fundamental “nun momento coma o actual no que se busca reducir o galego nas aulas”. Tamén interviñeron o presidente da AS-PG, Xoán Costa, o concelleiro de Deportes de Lugo, Miguel Fernández, a concelleira de Cultura de Monforte, Marina Doutón.
Despois das intervencións amosáronse as propostas gañadoras dos concursos do Correlingua 2019 e entregáronse os diplomas. Os grupos gañadores foron os seguintes:
· Certame banda deseñada: alumnado de 5º de primaria do CEIP Cabo da Area de Laxe
· Certame de vídeo, categoría infantil e primaria: alumnado de 6ºB do CEIP Albeiros de Lugo.
· Certame de vídeo, categoría secundaria e bacharelato: alumnado de 4º da ESO do CPR Concepción Arenal de Ourense
· Certame de elaboración do manifesto: alumnado de 4º da ESO do IES de Carral.
O Correlingua
O Correlingua é unha actividade escolar impulsada por todas as entidades devanditas e que estende as súas actividades a todo o calendario escolar. Iníciase no primeiro trimestre coa convocatoria dos concursos por medio dos cales o alumnado reflexiona sobre a situación do noso idioma e crea os seus propios argumentos (manifesto, vídeo, banda deseñada) para defender o seu dereito a vivir e medrar en galego. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país, sacando á rúa esta mensaxe en prol do idioma.
As camiñadas urbanas e dixitais de Correlingua collen impulso en Lugo
Compartir Este Artigo

