
A Noite, que chega este ano á súa convocatoria 24, preséntase novamente como un dos grandes eventos de networking e confraternidade tecnolóxica de Galicia e todo o ámbito estatal. Alí estarán, unha vez máis, boa parte das máis destacadas empresas e entidades do sector TIC, na compaña das e dos integrantes do colexio-asociación.
Desta volta, a Noite celebrarase na Finca Montesqueiro emprazada en Oleiros, A Coruña.
Igual que nas edicións previas, o evento servirá para acubillar a entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, nos que se inclúe (xa convocado) o Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, entre outros importantes recoñecementos.
Premio ao mellor proxecto TIC con beneficios á sociedade
A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación (AETG), en colaboración coa axencia AMTEGA, convocou a nova edición do seu Premio Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, 2019, destinado a salientar as mellores contribucións no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación a prol da solidariedade, a integración e o activismo, poñendo o foco na inclusión social e dixital e na igualdade de oportunidades.
A AETG lembra que as candidaturas deben ser entregadas antes das 10.00 horas do 15 de abril e estar especialmente dirixidas a potenciar fomento das tecnoloxías facilitando o seu emprego para contribuír, deste xeito, “á diminución da fenda dixital, poñendo en marcha iniciativas empresariais ou sociais de desenvolvemento, fabricación ou servizos, que incorporen un elevado nivel do uso das TIC con produtos e/ou servizos que melloren a calidade da vida das persoas”.
Así, os proxectos deberán dar resposta a demandas sociais dirixidas á mellora de áreas concretas, ou ben estar dirixidos ao benestar e a calidade de vida das persoas e da sociedade en xeral. Valoraranse especialmente aquelas contribucións que atendan a colectivos en risco de exclusión dixital.
O premio, que ten carácter honorífico, é pois un incentivo para recoñecer as accións emprendidas por empresas, entidades ou particulares para “que as persoas e comunidades sexan cada vez máis dixitais mediante o acceso, uso e apropiación das TIC”, sinala a AETG.
En termos máis concretos, teranse moi en conta as seguintes características nos proxectos: presentación e claridade na exposición, calidade na proposta, grao de innovación tecnolóxica ou científica, resolución de retos sociais, orixinalidade e carácter innovador da idea, público obxectivo que se vería beneficiado pola solución do proxecto, participación efectiva das persoas beneficiarias da solución TIC, aplicabilidade e pragmatismo para a obtención dos resultados nos colectivos aos que vai dirixido o proxecto, a súa madureza, a súa accesibilidade en custe para o usuario final ou a súa viabilidade comercial, entre outros parámetros.
A edición de 2018
A cita anual do ano pasado celebrouse o 1 de xuño en Vigo (Hotel Los Escudos) e xuntou uns 300 asistentes. Amais, serviu para enxalzar e visualizar o noso talento innovador (a través dos Premios Galicia das Telecomunicacións 2018) e máis os principais retos tecnolóxicos da nosa terra nos vindeiros meses e anos. No decurso do evento, levouse a cabo a entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións 2018, promovidos polo COETG-AETG co apoio de numerosas empresas do sector.
O primeiro deles distinguiu o Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, galardón que este ano recaeu no proxecto Litter Drone, seguimento e control do lixo mariño empregando drons e análises de imaxe dirixido por Fernando Martín, profesor na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo.
O Premio Gradiant á Mellor Tese de Doutoramento Aplicada ao Sector TIC foi para David Vázquez polo seu traballo Detection of image resampling and video encoding footprints for forensic applications.
O Premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións distinguiu o labor de Abanca.
Pola súa banda, o Premio Socio de Honra distinguiu a figura de Luciano Vidán, presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña.
Finalmente, O Premio Enxeñeiro do Ano 2018 recaeu en Joaquín Lameiro pola “súa exemplar traxectoria profesional e o seu fondo compromiso co desenvolvemento do sector das telecomunicacións no noso país”.
O COETG-AETG celebra a gran festa galega das Telecomunicacións o 24 de maio
Compartir Este Artigo

