Pese ás numerosísimas medidas de seguridade para protexer o filme de filtracións sobre o seu argumento, as estreas de presentación de Avengers: Endgame facilitaron que a produción que non chegará ás salas cinematográficas ata mañá xa estea a circular pola Rede, primeiro cunha copia cunha calidade de imaxe e son lamentable orixinada en China (como denota que teña subtítulos en chinés), e logo cunha copia con calidade mellorada que circula cunha sobreimpresión promocionando a casa de apostas rusa 1XBet.
Aínda que o público non é moi partidario actualmente dos screeners (copias realizadas nos cines normalmente a través de cámaras de vídeo) e Avengers: Endgame xa teña vendido un número considerable de billetes de xeito anticipado (polo que a estrea será un éxito indiscutible), o feito de que circulen copias da película pola Internet é especialmente molesto porque facilita a circulación de spoilers, ou sexa, que se desvelen detalles da historia que poderían estragar a sorpresa a moitos espectadores que teñen previsto pasar polas salas cinematográficas nos vindeiros días.
Hai anos este tipo de filtración podería prexudicar seriamente ao desempeño económico dun filme, pero actualmente o público non está disposto a ver copias de baixa calidade de superproducións por ter elevado os seus estándares de calidade, o que é toda unha sorte para o negocio do cine, que consegue manter aos espectadores fieis grazas ao coidado das súas proxeccións.
Xa circulan pola Rede copias do último filme dos Vingadores
Compartir Este Artigo
