Estes días (ata onte) celebrouse na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense (UVigo) a primeira entrega da cuarta edición do Foro de Emprego ESEI, unha xuntanza referente para establecer comunicación e interacción entre contratadores e demandantes de emprego (empresas, por unha banda, e alumnado e egresados, pola outra) do ámbito das novas tecnoloxías da información e a innovación. Na cita, que terá continuidade os días 13 e 14 de maio, participaron os representantes dunha vintena de empresas das novas tecnoloxías da información, entrevistándose co alumnado e á busca de novo talento.
O foro, segundo apuntou o director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Francisco Javier Rodríguez, contou este ano cun notable incremento de firmas participantes, polo que se optou nesta edición por un formato máis amplo de días, que se pode prolongar ata xuño. En cada sesión, as empresas entrevístanse “con tempo” e en horario tanto de mañá como de tarde cos estudantes que previamente se apuntaron para coñecelas, podendo cada alumno ou alumna coñecer as empresas que desexe.
O programa desta edición contou ademais este martes coas conferencias de Marcos Carbonell, director de Vitae Consultores, e Inma García, directora de Gestión de Talento, que ofreceron unha panorámica do sector TIC en Galicia e das oportunidades que hai nel para o alumnado universitario.
As empresas e centros tecnolóxicos que participan no Foro de Emprego da Escola Superior de Enxeñaría Informática son Bahía Software, Avanti Servizos Informáticos, Qindel Formación e Servizos, EDISA, Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), Imatia Innovation, Teltek Video Research, Viewnext, Optare Solutions, Arbentia Consulting, Centro Tecnolóxico Gradiant, Gbtec Software, Balidea Consulting & Programming, SIVSA Solucións Informáticas, Televés, Redegal, Everis e Indra.
Até 19 empresas participan no foro de emprego TIC da ESEI
Compartir Este Artigo

