A información e o uso que se faga dela sempre tivo importancia para as empresas dende as súas orixes como tales. Sen embargo, nunca esta cuestión foi tan relevante para as firmas, para os mercados e para os profesionais como agora: dos datos podemos extraer os recursos que nos fagan ser máis competitivos, fortes, rendibles, competentes e eficientes. De coñecemento de valor e de como sacarlle partido fálanos nesta entrevista o ferrolán Antonio Soto, formador asociado a Vitae Consultores, dende 20019, profesional experto no tratamento e na análise avanzada de datos.
Segundo fai saber Soto, o mundo require profesionais cualificados e con coñecementos avanzados de tecnoloxías e innovación. Se non o entendementos así, lembra, perderemos unha oportunidade de ouro para fomentar a empregabilidade na xuventude.
-As actividades formativas que vostede imparte en Vitae Consultores, en que consisten e a quen van dirixidas exactamente?
–Imparto formación nas áreas relacionadas con datos. Dende optimización de bases de datos, ata Machine Learning con Python, pasando polo Big Data, o sistema Spark ou o desenvolvemento de solucións de Intelixencia de Negocios.
-En que se benefician os profesionais que acoden aos obradoiros? Dito doutro xeito: que están en capacidade de facer estes profesionais nas súas respectivas empresas, unha vez rematado o curso, que antes de participar no curso non estaban en disposición de facer?
–Os alumnos saen cos coñecementos precisos para poder posicionar cada unha das diferentes ferramentas, dentro de todas as posibles soluciones que existen hoxe en día para a analítica avanzada de datos. Nos cursos de Machine Learning facemos unha introdución ao ciclo de proxecto, así como un repaso ós algoritmos máis utilizados.
-Vitae Consultores apoia boa parte da súa actividade en achegar contidos, recursos e metodoloxías avanzadas para os nosos profesionais, xeralmente das TIC e da innovación, pero tamén doutros sectores e ámbitos de acción. Estes contidos e recursos inciden nas vantaxes da auto-actualización do coñecemento e das capacitacións de cada quen, de continuo e con regularidade. Cre vostede na importancia de formarnos e actualizarnos regularmente? No ámbito das novas tecnoloxías con máis razón?
-Nesta industria os cambios son constantes polo que cobra maior relevancia se cabe o labor que Vitae Consultores desenvolve. É importante que os profesionais do sector saiban onde acudir cando necesitan formarse en determinadas tecnoloxías, e é, dende o meu punto de vista, tamén moi importante que alguén achegue as últimas novidades para que os profesionais saiban de primeira man cando e como utilizalas e non simplemente “seguir modas”.
-Cal é clave do éxito para un formador ou formadora de contidos avanzados e tecnolóxicos?
-Eu definiría tres eixes fundamentais. O primeiro tes que ser inconformista e ter moitas ganas de aprender. Despois debes de ter experiencia práctica nos conceptos que queres transmitir, posto que esa bagaxe profesional é a que en realidade marca a diferencia. E por suposto, ten no só que gustarche, senón apaixonarte transmitir ese coñecementos. Eu non o entendo doutro xeito.
-Cales son dende o teu punto de vista os retos que afronta a sector en Galicia?
-A falta de persoal cualificado é un reto non só para Galicia senón un problema global. Apostar pola formación de novos profesionais é un aspecto fundamental para poder cumprir coa demanda que xa existe hoxe en día. Temos que facer que o noso sector sexa máis atractivo para a nosa xuventude, e que, ao mesmo tempo, sexa visto como unha oportunidade de reciclaxe profesional noutros sectores onde pode que non haxa tanta demanda.

