Bloomberg denunciou hoxe que Vodafone atopou entre 2011 e 2012 portas traseiras no equipamento de Huawei empregado na rede fixa do operador en Italia, detallando que Vodafone pediu a Huawei en 2011 a retirada das portas traseiras dos routers domésticos en 2011 e que detectaron tamén problemas de seguridade noutros elementos de rede que facilitaban o acceso doméstico á Internet, pero Vodafone saíu pronto á palestra para defender ao fabricante chinés, e nega as acusacións que chegan dende o medio estadounidense.
Segundo Vodafone, non existiu ningunha porta traseira como tal, senón que nunha serie de produtos queda parcialmente accesible a funcionalidade de telnet, que non estaba dispoñible dende a Internet, e que empregábase para tarefas de diagnóstico, e que accidentalmente non se desactivou en unidades de produción, fallo detectado e corrixido no seu día.
Falamos dun fallo de seguridade detectado e corrixido hai anos, como moitos outros, e en ningún caso facilitaría que dende China puidese vulnerar a seguridade de redes de telecomunicacións en Italia, dando a impresión de que Bloomberg está a difundir esta información simplemente para minar a credibilidade de Huawei nun momento no que dende EE.UU. están a boicotear á compañía chinesa de cara ao desenvolvemento das futuras redes 5G.
Polo momento na Unión Europea non se atoparon motivos sólidos para prescindir de Huawei como provedor tecnolóxico para as vindeiras xeracións de telefonía móbil e, de feito, non contar con Huawei podería supor un grande retraso na adopción do 5G xa que o fabricante chinés é o máis avanzado neste eido, estando chamado a ser o que teña unha maior cota de mercado a nivel global.
Negan que Huawei tivese portas traseiras en routers de Vodafone
Compartir Este Artigo
