Hoxe botou a andar o congreso de desenvolvedores Google I/O, aproveitándose esta primeira xornada para lanzar oficialmente os smartphones Google Pixel 3a e 3a XL e anunciar bastantes novidades ao redor das tecnoloxías de Google, como as novas funcionalidades nas buscas de Google e Google Lens aproveitando a cámara, a visión computerizada e a realidade aumentada para ofrecer respostas visuais a preguntas visuais. Temos así como a realidade aumentada chega ás buscas, pero tamén como Google Lens pode axudar a obter información sobre o que estamos a ver no mundo real, de xeito que nun restaurante poderiamos enfocar coa cámara a carta para saber os pratos que son máis populares, ou para consultar as reseñas doutras persoas. Google Lens tamén poderá empregarse para ler en voz alta as palabras que se vexan no mundo real, o que será de grande utilidade no día a día de persoas con dificultades de visión.
Google tamén reafírmase na tecnoloxía Duplex, capaz de realizar reservas (por exemplo, nun restaurante) a través dunha chamada telefónica realizada polo propio Asistente de Google, que agora estaría a avanzar para poder realizar reservas de coches de aluguer e entradas de cine, axilizando unhas tarefas que en moitas ocasións poden consumir demasiado tempo.
De cara á accesibilidade tamén presentaron Live Caption, funcionalidade que subtitula conversas en vídeo, podcasts ou incluso no fogar, e que no futuro incluso irán máis aló, xa que Live Relay combina recoñecemento de voz e narración de texto para que unha persoa xorda ou muda poida manter unha conversa telefónica, e Euphonia está a avanzar no recoñecemento de voz para persoas con serias dificultades para falar (como os pacientes de esclerose lateral amiotrófica).
En definitiva, que a primeira xornada do Google I/O buscou dar a imaxe de que a compañía de Mountain View está a avanzar en proxectos que farán que a tecnoloxía sexa útil para cada vez máis xente.
O Google I/O bota a andar presentando tecnoloxías a prol da accesibilidade
Compartir Este Artigo
