O Concello de Lugo puxo en marcha os días pasados un novo espazo en liña para impulsar o emprego e o despegue económico e achegar recursos a quen estea interesada ou interesado en poñer en marcha unha iniciativa de emprendemento ou un proxecto innovador… ou esculcar nas potencialidades económicas (moitas) do municipio. Estamos a falar do sitio desenvolvelugo.org, que foi presentado polo Executivo local como “unha web intuitiva e sinxela que busca estar o máis preto posible da cidadanía”.
A concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, deu a coñecer a nova páxina no Edificio de Novas Tecnoloxías: un recurso dixital que pon faciana visible aos tres ámbitos de acción que engloba departamento que dirixe.
A edil, acompañada das técnicas Isabel Villamor e Paula Gamazo e do técnico Norman Veiga, explicou que a idea de renovar a páxina web relativa ao seu eido de traballo no Concello “tivo como horizonte achegar a xestión municipal á veciñanza e converterse nunha ferramenta útil para os veciños e veciñas”. En base a isto, salientou, trátase dun sitio “sinxelo, visual e moi intituitivo á hora de navegar”.
Tal e como explicou Prieto, é un portal único que responde ás suxestións da cidadanía, e que está estruturado nos seguintes contidos: proxectos, axudas e subvencións, novas, economía, Espazo Lab (Emprego), CEI-NODUS (Emprendemento), Europe Direct Lugo e eventos.
Ana Prieto tamén deu a coñecer que o CEI-NODUS vén de incorporar “unha potente conexión Wi-Fi” para achegar máis conectividade nas instalacións, axudando a aproveitar e optimizar os recursos.
Desenvolvelugo.org achegará a cidadanía ao empuxe económico local
Compartir Este Artigo

