Este verán Santiago vaise pór novamente no punto de mira da comunidade argalleira de todo o mundo. O motivo? A celebración dunha nova edición da Maker Faire Galicia, a feira de inventoras e inventores máis sobranceira da nosa terra e do ámbito estatal e, en palabras da organización (VermisProject), unha das cinco máis relevantes a nivel europeo. O evento terá lugar do 3 ao 7 de xullo na Cidade da Cultura de Galicia. A nova edición vén con dúas novidades: celebrarase a principios do verán e, debido ao éxito das anteriores, pasará de 3 a 5 días de duración, ampliando as xornadas profesionais de unha a tres xornadas.
Novamente, a feira será ante todo un espazo onde intercambiar coñecementos e darmos conta das vantaxes e beneficios de crear tecnoloxías abertas en comunidades. Será, tamén, un escaparate para a creatividade e o enxeño, pensado para tódolos públicos e disciplinas, e abordarase o potencial da robótica o espírito maker para os ámbitos da gastronomía, a mecánica, a ciencia, a arte urbana, a música, a electrónica ou a artesanía.
Este ano o evento celebra a súa quinta edición buscando consolidarse como o máis importante da Península, tanto en número de makers como de asistentes. Ao igual que na edición anterior, a Maker Faire Galicia volve contar co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que acolle tamén o evento no Gaiás, e do Concello de Santiago a través do programa Compostela Móvese.
Durante as pasadas edicións acudiron máis de 44.000 asistentes e ao redor de 750 argalleiros expuxeron os seus enxeños.
As tres xornadas enfocadas ao público profesional centraranse en temáticas consideradas “clave” para o futuro da industria e a innovación como: mobilidade, enerxía, Intelixencia Artificial, robótica, ciberseguridade, open data ou emprendemento. Ademais, a xornada do venres contará cun xurado especializado que outorgará premios aos proxectos mais innovadores presentados polos makers durante esa semana: 1000€, 500€ e 250€.
Entre os obxectivos principais da xuntanza figuran os seguintes: crear unha contorna idónea para realizar contactos profesionais de calidade, presentar proxectos que marquen un antes e un despois na liña do progreso tecnolóxico e ofrecer unha oportunidade para poñernos ao día no mundo da innovación na industria.
A fin de semana, o sábado 6 e o domingo 7 de xullo, abriranse as portas do Museo Gaiás para o público xeral, cunha programación para nenos, familias e maiores que contará con obradoiros, charlas, actuacións ou campionatos entre outras moitas actividades programadas e que, en palabras da organización, “buscan sorprender aos visitantes”.
Para quen queira máis datos sobre a cita e xeitos de formar parte dela, dicirlle que xa está dispoñible na súa páxina web, galicia.makerfaire.com, o formulario de inscrición de proxectos tanto para a xornada profesional como para a xornada xeral. O prazo remata o 31 de maio, e de tódalas propostas achegadas farase unha escolma final que se incluirá no programa de actividades e contidos desta edición de 2019. A innovación, a orixinalidade e a interactividade co público son os aspectos que máis se valorarán á hora de elixir os proxectos finais. Durante o evento, ademais, o público poderá votar aos mellores proxectos seleccionados. As categorías premiadas nas xornadas abertas serán as de Maker, Minimaker (proxectos realizados por nenas e nenos menores de 14 anos), Maker Senior (para creadoras e creadores maiores de 60 anos) e proxectos de divulgación (colexios, institutos, asociacións, universidades, FP, etc.).
A Maker Faire Galicia converterase este verán na cita argalleira máis importante da Península
Compartir Este Artigo

