O CiTIUS de Santiago segue o vieiro ascendente (e excelente) consolidado hai unhas semanas coa presentación do seu novo nome e da súa estratexia especializada en Intelixencia Artificial. Onte este novo impulso do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC colleu aínda máis azos coa adxudicación, xunto o CiQUS (tamén na USC), de tres novos proxectos de carácter internacional que incrementarán a colaboración entre países e atraerán novos investigadores aos centros galegos (onde realizarán as súas teses de doutoramento e fortalecerán os alicerces das súas prometedoras carreiras). Os ditos proxectos adxudicados pola Comisión Europea son NL4XAI e MENELAOS_NT (CiTIUS), e o proxecto HEATNMOF (CiQUS).
Polo que respecta a Tecnoloxía da Linguaxe Interactiva para a Intelixencia artificial Explicable (NL4XA, polo seu acrónimo en inglés), estará liderado polo CiTIUS e dotado con 2,8 millóns de euros. Trátase, segundo informa a USC, “dun desafío para expertos en Intelixencia artificial (IA) no que participarán un total de 17 institucións de 6 países e cuxo centro neurálxico estará no CiTIUS, que asumirá a súa coordinación”. En palabras do centro compostelán, “estamos ante unha excelente nova que afianzará o CiTIUS como referente europeo en dúas das tecnoloxías intelixentes con maior potencial de crecemento futuro na área da IA a nivel mundial, como son a IA Explicable e as Tecnoloxías da Linguaxe”. Dende o centro santiagués tamén salientan “que a IA Explicable está no centro da estratexia europea para desenvolver tecnoloxías intelixentes ao servizo das persoas, e con ela preténdese involucrar aos usuarios non expertos, facilitándolles a comprensión das decisións automáticas e o axuste de sistemas intelixentes”. E engaden: “Supón un paso necesario cara á humanización destes sistemas, dotándoos da capacidade para auto-explicarse”.
Pola súa banda, o CiQUS achegará o coñecemento xerado na USC ao consorcio que une a 8 universidades, 4 centros de investigación e 4 empresas de 5 países (España, Francia, Italia, Alemaña e Reino Unido). En palabras da USC, “trátase dunha alianza cuxo principal labor será formar unha nova xeración de científicos de materiais, altamente especializados en nanosistemas para a liberación controlada de fármacos”. Amais de formar parte activa na supervisión e dirección do proxecto, o laboratorio compostelán vai participar na dirección de tres teses doutorais, vai acoller catro estadías científicas internacionais de máis de tres meses e organizar un evento de traballo internacional enfocado na nanoplasmónica.
Por último, o CiTIUS tamén recibiu a adxudicación do proxecto MENELAOS_NT, no que van traballar unha ducia de institucións de toda Europa abordando o problema crecente da exploración e a xestión da nosa contorna e co propósito de xerar elementos de apoio na toma de decisións sobre os “desafíos clave da sociedade”: agricultura sustentable, coidado e protección de bosques e montes, bioeconomía, cambios ambientais, eficiencia nos recursos, ou protección da liberdade e a seguridade no marco social europeo. MENELAOS_NT afrontará o “reto de combinar de maneira óptima” a información proporcionada por sensores de características distintas (con resultados en diferentes escalas e resolucións e, polo tanto, cunha fiabilidade variable), co obxectivo de illar a información relevante do ruído e proporcionar así unha información máis sofisticada e fidedigna.
O CiTIUS e o CiQUS consolidan o seu prestixio con tres novos proxectos europeos
Compartir Este Artigo

