O alumnado do Centro de Formación de Audiovisuais do SdeA da Deputación de Lugo (CFA) vén de colaborar nunha importante quedada reivindicativa a prol da igualdade celebrada no concello chairego de Castro de Rei. A acción reivindicativa celebrouse este xoves e consistiu na gravación dun videoclip, labor que foi realizado polo devandito centro de formación da Deputación de Lugo. No vídeo, que será divulgado na web do Servizo de Audiovisuais (SdeA) e nas redes sociais, participaron preto de douscentos rapaces e profesores da ESO e BAC do IES Terra Chá José Trapero Pardo de Castro de Rei; o CPI Luis Díaz Moreno de Baralla; e o IES Río Miño de Rábade.
A iniciativa partiu do Departamento de Música do IES Terra Chá, que dirixe o profesor Benito Buíde, quen deseñou varios xogos e exercicios de comunicación coas mans. A composición está inspirada no tema Aleluia, de Leonard Cohen, baixo o lema Somos Iguais. Somos diferentes.
Na quedada traballaron finalmente uns quince estudantes de primeiro de Realización, supervisado por dous docentes do CFA, empreganmdo catro cámaras e o resto de material preciso para a gravación do vídeo. Os alumnos e alumnas ocuparon os postos de realizador, operador e axudante de cámara, técnico de son e script.
A produción audiovisual tivo como escenario o Castro de Viladonga, no Concello de Castro de Rei, espazo elixido polo seu valor paisaxístico e arqueolóxico. O alumnado gravou varias tomas da coreografía para logo editar as imaxes no Centro de Formación Audiovisual.
O Servizo de Audiovisuais da Deputación selecciona unha das propostas que lle presentan, cada curso académico, os centros educativos da provincia, para incluír na programación de prácticas formativas fóra das aulas.
O SdA da Deputación de Lugo grava un vídeo reivindicativo no Castro de Viladonga
Compartir Este Artigo

