O alumno Adrián Álvarez Castro do CPI de Cova Terreña, no municipio pontevedrés de Baiona, vén de gañar o III Concurso Literario Infantil e Xuvenil sobre a Protección de Datos na categoría de 3º- 4º da ESO. O certame foi convocado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) con motivo do Día Europeo da Protección da Datos que se conmemorou o pasado 28 de xaneiro.
O estudante de 4º da ESO, da clase B, presentou un traballo titulado O mellor trobador do mundo, unha cantiga sobre a importancia de salvagardar a información e a privacidade pola que recibiu de premio unha tableta e un kit de robótica para o colexio, xa que o centro foi recoñecido ex-aequo co Colexio Guillelme Brown de O Pereiro de Aguiar (Ourense) como os centros con maior participación no concurso. O estudante, que estivo arroupado por familiares e membros do equipo directivo do centro docente, recibiu os agasallos da man do secretario do CPEIG, Juan José González. Ademais, asistiu o concelleiro de Educación de Baiona, Policarpo Vilar.
O certame está destinado a concienciar á sociedade galega da necesidade de incorporarse á privacidade e as normas básicas de coidado coa información propia e allea, nomeadamente os menores de idade. O CPEIG sinala que actualmente cómpre promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos.
Participaron no certame unha trintena de escolares de toda Galicia que presentaron traballos en diversos xéneros literarios como o artigo xornalístico, a exposición divulgativa (entrada de blogue ou artigo de divulgación), o conto ou relato curto, todas obras inéditas escritas en lingua galega. Estes traballos responden a preguntas como Que é para ti a protección de datos, como afecta no teu día a día?, ou Como podo protexer os meus datos?”.
Un estudante de Baiona gaña o concurso sobre datos na modalidade de secundaria
Compartir Este Artigo

