O Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo, acolleu este mércores unha xornada formativa sobre a licitación pública electrónica dirixida aos concellos da provincia. Na cita participaron arredor de 50 técnicos e membros do persoal de entes locais da provincia de Lugo que están a desenvolver o seu traballo no eido da contratación pública. No marco da xuntanza, a entidade que preside Darío Campos aproveitou para promover o emprego dos sistemas dixitais no ámbito da eAdministración, uns sistemas que facilitan os procedementos ao tempo que os fan máis seguros, inmediatos e cómodos de realizar. “Estamos ante unha oportunidade de cambio beneficiosa tanto para os provedores como para as propias administracións”, informou.
O encontro formativo organizado pola Área de Cooperación e Asistencia aos Concellos realizouse ante “a necesidade de adaptar as administracións locais á nova lexislación actual que obriga aos concellos e demais organismos de contratación a habilitar e activar o formato electrónico na contratación pública”. Segundo lembra a Deputación, trátase dunha nova obriga que impón a Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, pola que se trasladan ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, de 26 de febreiro de 2014.
A Deputación de Lugo tamén puxo o foco, como dixemos, nas vantaxes da licitación electrónica, entre as que se atopan a maior comodidade na tramitación, a redución no número de desprazamentos e o incremento da transparencia. “A contratación electrónica tamén favorece unha maior apertura de mercado xa que posibilita unha maior concorrencia e participación do tecido empresarial ao permitir interactuar con entidades doutros ámbitos xeográficos”, engadiron os responsables da dita Área de Cooperación.
Este obradoiro formativo organizado pola Deputación, foi eminentemente práctico e puxo o foco no uso das dúas plataformas electrónicas para a licitación pública, a Plataforma de Contratación do Sector Público do Estado e a Plataforma de Contratos Públicos da Xunta de Galicia (os concellos poden usar calquera destes dous sistemas pero deben optar por un).
Na xornada amosouse o acceso aos sistemas de licitación electrónica da Plataforma de Contratación do Estado e a Plataforma SILEX da Xunta de Galicia que facilitan a presentación de ofertas por vía telemática.
O adxunto xefe de Servizo de Comunicacións e TIC, Nicolás Fariña Verea, e o técnico de xestión do Servizo de Asistencia Xurídica Económica e Técnica aos Concellos, César Castiñeira Muiña, ofreceron unha visión práctica da licitación pública electrónica. Ambos técnicos da Deputación Provincial de Lugo afondaron no funcionamento da Plataforma de Contratación do Sector Público do Estado, que é o sistema empregado na Deputación.
Pola súa banda, para mostrar o sistema de licitación electrónica da Xunta de Galicia (SILEX) participaron nesta xornada como relatores a secretaria da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa, Elena Barba Pan, e o analista programador do CIXTEC, Manuel Rodríguez Salgado, ambos da Xunta de Galicia.
Plan TIC da Deputación
O Goberno provincial en funcións impulsou nos últimos anos un Plan de TIC para axudar aos 66 concellos de menos de 20.000 habitantes a cumprir coas leis do Procedemento Administrativo Común e do Réxime Xurídico do Sector Público. Estas normativas obrigan ás entidades locais a realizar cambios nas súas ferramentas tecnolóxicas para modernizar, simplificar e garantir aos cidadáns a realización de todos os seus trámites cos concellos de xeito telemático e con seguridade. En 2017 destináronse 300.000 euros e outros 138.000 euros máis, no 2018, para promover o uso da Administración Electrónica nas administracións locais.
A Deputación de Lugo impulsa nos concellos os sistemas de licitación electrónica
Compartir Este Artigo

