
A resolución da xuíza considera probado que as páxinas peliculasyonkis.es, seriesyonkis.es e videosyonkis.es contiñan ligazóns a obras audiovisuais protexidas por dereitos de propiedade intelectual, aínda que recoñece que estes contidos están en servidores externos e as persoas responsables da súa publicación serían terceiros non identificados.
A sentenza entende que as páxinas web denunciadas non contiñan ningún contido audiovisual, senón simplemente ligazóns, e non se presentaron evidencias de que os acusados tiveran intervido na publicación dos contidos na Rede. Tamén destaca o feito de que os acusados non obtiñan ingresos económicos directos derivados do número de descargas do material audiovisual (estes beneficios recíbeos cadansúa plataforma de descargas á que se subían os vídeos) de xeito que os ingresos de SeriesYonkis proviñan da publicidade que aparecía na súa páxina web.
A resolución xudicial entende que os feitos probados non encaixan no delito contra a propiedade intelectual recollido no artigo 270 do Código Penal antes da reforma de xullo de 2015, que precisa que para a condena sexa preciso que se «reproduza, plaxie, distribúa, comunique publicamente, en todo ou en parte, unha obra». Aínda que o concepto de comunicación pública é moi controvertido, a xuíza considera que ao remitir aos usuarios a un servidor externo non se produciría.
A sentenza non é firme, polo que aínda é posible que se presente apelación.
Absolven aos responsables de SeriesYonkis de delito contra a propiedade intelectual
Compartir Este Artigo
