No marco da Maker Galicia Faire, o macro-evento argalleiro de Compostela, vaise celebrar unha interesante actividade complementaria con epicentro en Santiago pero con implicacións universais. Trátase da cita Open Space da comunidade local Compostela Tech, o sábado 6 de xullo na Cidade da Cultura. A cita será un conxunto de debates e actividades temáticas con formato de espazo aberto, democrático, dinámico e sen pautas previas de desenvolvemento: son os asistentes os que elixirán as cuestións e os que levarán o peso do debate arredor de cada un dos temas, sendo xestionados e controlados en tempo pola organización.
En palabras de Compostela Tech, “o propósito do evento non é que ofrecer un faladoiro aberto onde todo o mundo poida opinar libremente sobre temas que sexan escollidos polos participantes e non polos organizadores”. A clave é “fomentar a participación, tanto para facer propostas de faladoiro como para achegar valor en cada unha das charlas”. Estas desenvolveranse nunhas salas da Maker Faire na que a organización xuntará os participantes e serán votadas as cuestións a tratar.
O formato Open Space desenvólvese nunha chea de acontecementos tecnolóxicos mundiais polas “grandes vantaxes que ten á hora de facer participar á comunidade asistente ao redor dunha temática”, explican dende Compostela Tech, que se remiten ao éxito da edición 2018 do Open Space da Cidade da Cultura.
O público asistente será de todo tipo, desde mozos a pais e nais de familia, pero terán en común “o interese por falar e coñecer máis sobre divulgación de tecnoloxía e as implicacións da mesma en ámbitos como o cultural, o empresarial e o sociolóxico, nunha contorna de libre participación e elección democrática de temas a tratar”, engade a comunidade organizadora.
Como dixemos, o evento celebrarase dentro da Maker Faire Galicia o día 6 de xullo de 2019 de 10 a 14h.
Compostela Tech celebra un debate colectivo e aberto no marco da Maker Galicia Faire
Compartir Este Artigo

