Pese a que o mea culpa do máximo responsable de Samsung sobre os problemas co Galaxy Fold viña acompañado de declaracións asegurando que o produto aínda estaba en probas, dende Bloomberg aseguran que o redeseño do Samsung Galaxy Fold teríase completado, corrixindo os problemas detectados na súa pantalla encartable, de xeito que estaría xa nas súas últimas etapas de produción para converterse nun produto comercial, aínda que non chegan a fixar unha data de lanzamento estimada para o produto.
Se temos en conta que os novos Galaxy Note10 teñen prevista a súa presentación para o vindeiro 7 de agosto, semella que estariamos ante un evento ideal para o anuncio dunha data de lanzamento do Galaxy Fold, smartphone presentado cos Galaxy S10, de aí que aproveitar outra das grandes presentacións globais de Samsung semelle algo natural.
O redeseño do Galaxy Fold faría imposible arrincar a man a capa protectora que inclúe a pantalla do teléfono (e que foi a principal causa dos problemas detectados hai uns meses) e tamén modificarían bastante a bisagra para estirar a pantalla máis que no modelo anterior, cubrir os seus bordes e así minimizar o risco de que se coen partículas debaixo da pantalla e dificultando que a parte central da pantalla remate marcándose co paso do tempo.
Cómpre lembrar que Samsung xa tivera grandes problemas co Galaxy Note7 (por mor das súas baterías), e aínda que o produto só estivo uns días á venda (de feito, en España non chegou ás tendas), a súa retirada ocasionou grandes perdas económicas e de reputación, polo que a compañía surcoreana non quere repetir a desfeita, de aí que agora prefiran actuar con moita prudencia, xa que unha mala experiencia cun produto chamado a crear unha nova categoría de trebellos podería ter consecuencias significativas de cara ao desenvolvemento doutros dispositivos semellantes.
Aseguran que Samsung completou o redeseño do Galaxy Fold
Compartir Este Artigo
