O feito de que as principais plataformas sociais a nivel mundial pertenzan á mesma compañía, e que esta empregue as mesmas infraestruturas para todas, é un serio problema para a comunicación dos usuarios, xa que as incidencias teñen un impacto moi amplo, provocando numerosos casos de incomunicación.
Iso mesmo puidemos vivilo ao longo de toda a tarde, xa que Facebook, Instagram e WhatsApp experimentaron dificultades a nivel global para o intercambio e publicación de fotografías, vídeos e documentos, o que provocou que moitos usuarios non puidesen enviar contidos a amigos, familiares e compañeiros de traballo, e que resultase case imposible durante horas publicar contidos nunha plataforma como Instagram, o que supón un serio problema para os milleiros de persoas para os que este tipo de plataformas son xa unha forma de vida.
En marzo Facebook e Instagram xa padeceron unha caída que para algúns usuarios superou as 14 horas, e agora estaríamos ante unha incidencia non explicada que duraría máis de 8 horas (no momento de escribir estas liñas a incidencia aínda non se consideraba totalmente resolta). Non deixa de ser curioso que Facebook e Instagram desen conta dos seus problemas a través de Twitter, aínda que o feito de que as mensaxes directas e as notificacións de Twitter tamén experimentasen problemas ao longo da xornada podería indicar que os problemas que provocaron os fallos nas plataformas pertencentes a Facebook poderían ser externos.
En calquera caso estamos ante demasiadas grandes incidencias nun período de tempo moi reducido, o que debería chamar á reflexión sobre se podemos confiar nas comunicacións a través de servizos tan centralizados e pouco transparentes.
Facebook, Instagram e WhatsApp padecen un fallo de funcionamento a nivel global
Compartir Este Artigo
