Un total de oitenta centros docentes da nosa terra veranse beneficiados este curso (2019/2020) coa súa inclusión no proxecto de libro dixital (eDixgal) da Consellería de Educación. Deles, 33 son da provincia da Coruña. Así se fai saber na resolución definitiva da convocatoria para a selección de centros que se suman ao proxecto o vindeiro ano académico.
A iniciativa eDixgal, impulsada pola Consellería de Educación e a axencia AMTEGA, púxose en marcha no curso 2014/2015 cun total de 84 centros educativos e 2.300 alumnas e alumnos na etapa de educación primaria en toda Galicia. Coas novas incorporacións a comunidade de centros adheridos ao proxecto chegará a 347 centros de ensino e a 27.000 alumnas e alumnos. Os seus obxectivos fundamentais son transformar as nosas aulas tradicionais en aulas innovadoras e dixitais, coa colaboración de toda a comunidade educativa e de empresas da nosa terra, e loitar contra a fenda tecnolóxica que separa os núcleos urbanos de boa parte do rural.
O programa, que vai dirixido aos centros públicos que impartan ensinanzas de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO e que conten con aulas dixitalizadas, achega aos colexios unha manchea de materias de modalidade dixital (a totalidade das mesmas para os de Primaria, e media ducia de materias para os de Secundaria).
Os centros adscritos a este proxecto disporán “da conexión á rede axeitada e cos medios tecnolóxicos necesarios na aula”, así como para o profesorado e alumnado; e terán acceso a unha contorna virtual de aprendizaxe cos contidos de balde subministrados pola Xunta. Así mesmo, contarán con máis de 3.400 recursos do repositorio de contidos do espazoAbalar.
Oitenta novos centros educativos da nosa terra súmanse este curso a eDixgal
Compartir Este Artigo

