O Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía do Campus de Lugo (CITT) da Universidade de Santiago (campus lucense) recibiu hoxe novos apoios para o seu importante labor de investigación e de aplicación práctica, no mercado, dos seus achados (o que se chama transferencia tecnolóxica, precisamente). Estes apoios veñen da man da Deputación, a USC, Caixa Rural Galega e a Fundación CEL, que renovaron o convenio de compromiso co centro, mediante o cal mobilizaranse 60.000 euros, dos que o ente financeiro achega 50.000 euros e a entidade provincial 9.500.
Segundo fixeron saber, este convenio permitirá fortalecer o papel do CITT como referente na vangarda tecnolóxica lucense, galega e máis estatal: unha fonte principal de recursos innovadores para os sectores agrogandeiro e forestal.
A Deputación de Lugo confirma a súa colaboración vindeira
O novo presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, adiantou na súa intervención que a institución que preside continuará no futuro a prestar colaboración ao Campus de Lugo: “Este convenio, ao que a Deputación contribúe cunha achega económica, é unha mostra máis da decidida aposta polo campus universitario de Lugo, unha estreita colaboración que se mostra a través do chamado plan de choque, dotado con 380.000 euros, ou de infraestruturas estratéxicas como vai ser a futura Granxa Experimental do Campus Terra, que se está a edificar en terreos da finca Gayoso-Castro, en Castro de Rei, e á que a Deputación achega 1,3 millóns de euros”.
A cita de hoxe tamén serviu para facer reconto de actividades. Segundo fixeron saber, as magnitudes económicas mobilizadas noutros anos traducíronse na realización e xestión dun total de 181 actividades de I+D+i, cuxos resultados tamén deron pé á tramitación de dúas novas solicitudes de patentes e unha de propiedade intelectual. Amais, a USC lembrou que o traballo desenvolvido no CITT ten tamén “un efecto multiplicador con incidencia nos recursos humanos”, segundo se desprende da incorporación de 12 persoas a través de convocatorias competitivas autonómicas, estatais e internacionais, e de máis doutras 140 persoas en contratos de obra e servizo.
23 millóns de euros xestionados
Os fondos xestionados a través de contratos e convenios asinados con empresas e institucións públicas polo CITT no trienio comprendido entre 2016 e 2018 supera os 23 millóns de euros, “unha cifra superior aos pouco máis de 14 millóns de euros rexistrados no trienio anterior”, segundo se puxo de manifesto na renovación da sinatura dun convenio que manteñen vixente desde 1995, a USC, Caixa Rural Galega, a Deputación Provincial de Lugo e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL).
USC, Deputación, Caixa Rural e CEL renovan o seu apoio ao Centro de Innovación e Transferencia de Lugo
Compartir Este Artigo

