A segunda edición do centro de coworking de Ourense (San Cibrao das Viñas), onde este ano colleron impulso 14 proxectos de emprendemento, encarou hoxe a súa recta final, unha xornada demostrativa de peche que se complementou coa visita ao centro do director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), José Ignacio Lema.
O espazo de traballo colaborativo, que vén da man da Xunta en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), acubillou nesta edición proxectos de enxeñaría eléctrica, de asesoramento dixital para emprendedores, de conservación forestal e de xardíns, de servizos de consultaría a empresas ou de restauración creativa.
Durante a súa intervención no Demoday, Lema subliñou a importancia de que as ideas innovadoras dos emprendedores adecúen as súas propostas ás novas necesidades personalizadas e especializadas dos novos clientes dos mercados actuais, con oferta de produtos e servizos de alta calidade.
Desde o comezo da súa actividade, o coworking desenvolvido no CIS Madeira de San Cibrao das Viñas apoiou 33 plans de emprendemento, dos que 14 xa están en marcha. Ademais, estas iniciativas levan asociadas a creación ou mantemento de 22 postos de traballo.
Durante este mes finalizaron tamén as accións de formación e asesoramento nos espazos coworking de Santiago de Compostela, Celanova-Terras de Limia, Costa da Morte, Ferrolterra, Mariña Lucense, Ribeira Sacra, O Salnés e Ourense, nos que no conxunto das actuais edicións, apoiáronse 167 iniciativas de emprendemento.
Os emprendementos do coworking de Ourense apostaron polas solucións TIC e os servizos personalizados
Compartir Este Artigo

