Comezou a Festa do Albariño en Cambados (dende onte ata o domingo 4 de agosto), un dos grandes acontecementos multitudinarios da tempada, cun programa de actividades máis que completo (catas, degustacións, xuntanzas, concertos, actividades variadas arredor do viño, actividades para os máis pequenos da casa) para o que se cadra precisamos un ingrediente extra de axuda e orientación. Neste punto é onde entra en xogo a aplicación móbil da LXVII Festa do Albariño que vén de habilitar na Rede o Concello de Cambados.
A ferramenta, lanzada pola Concellería de Novas Tecnoloxías está dispoñible para móbiles con Android e pódese descargar xa dende unha ligazón específica de Google Play. Segundo informa o Concello de Cambados, o lanzamento desta aplicación móbil “garante que todo aquel que visite a festa poida acceder permanentemente á programación do Albariño 2019, sendo posible consultar que actividades ou concertos se están levando a cabo en cada momento, onde son e mapas para chegar ós distintos sitios”. Ademais do programa de eventos, a app da LXVII Festa o Albariño inclúe información sobre a historia, orixes e significado da festa e as novas máis recentes.
O Concello de Cambados pon á nosa disposición a app da Festa do Albariño
Compartir Este Artigo

