Nos últimos meses distintos medios puxeron os focos no feito de que existisen persoas revisando manualmente as gravacións que realizan os asistentes de voz que temos no móbil e nos altofalantes conectados do fogar, por entender que este mecanismo que busca mellorar o recoñecemento de voz poida supor unha invasión da nosa intimidade, e ante as reaccións negativas ao respecto desas informacións, dende Amazon decidiron non só permitir borrar o noso historial de voz (opción dispoñible dende hai tempo) senón tamén poder desmarcar unha opción para facilitar que Amazon empregue as mensaxes que se envían a Alexa para mellorar a precisión das transcricións.
Esta decisión chega despois de que Google e Apple decidisen suspender tamén os seus programas de revisión das transcricións dos seus asistentes de voz, que volverán a iniciarse contando coa opción de que os usuarios decidan sen queren que o sistema mellore coa súa axuda.
Cómpre advertir que, aínda que as críticas iniciais apuntaban a Alexa, o feito de que Apple seguise as mesmas prácticas con Siri (pese a presumir publicamente en todas as súas presentacións do coidado que teñen coa privacidade) pillou a moitos por sorpresa, principalmente por contradicir o discurso público da compañía, aínda que resultase evidente que o recoñecemento de voz mellorou tanto nos últimos anos grazas á aprendizaxe que realizan os sistemas co seu uso masivo, para o que é precisa unha revisión humana que saiba interpretar matices e contextos para poder atender mellor as demandas dos usuarios e adaptarse aos usos reais que fan os consumidores.
A revisión humana das nosas conversas con Alexa é opcional
Compartir Este Artigo
