Nos últimos anos non foron poucos os escándalos que salpicaron á plataforma de foros 8chan, refuxio de temáticas vetadas de foros como 4chan (que son bastante permisivos), pero agora atopamos como o foro está temporalmente fóra de liña xa que a compañía provedora ser servizos de infraestrutura e seguridade para páxinas web Cloudflare decidiu deixar de ofrecer os seus servizos a 8chan tras os tiroteos masivos en El Paso (Texas) e Dayton (Ohio).
Dende Cloudflare non estaban cómodos ao prover servizos a un foro no que abondan os discursos de odio, pero o feito de que o pistoleiro sospeitoso de estar detrás do masacre de El Paso tivese parte da súa inspiración en 8chan e, de feito, publicase en tal foro xusto antes de iniciar o ataque ao Walmart de El Paso, onde matou a 20 persoas, foi motivo dabondo para xustificar pechar as portas a un foro, que agora terá que recorrer a outros provedores alternativos (como xa fixeron outras publicacións semellantes no pasado).
Matthew Prince, un dos fundadores de Cloudflare, lembra que non é a primeira vez que uns asasinatos en masa atopan acubillo en 8chan, e aínda que dende Cloudflare son grandes defensores da liberdade de expresión (de feito, unha das razóns de ser dos seus servizos é evitar os ataques para denegar o acceso a certos medios), non queren ser cómplices de plataformas que, pese a non ser directamente ilegais, rexeitan por cancelas aos discursos de odio, dando pé incluso a comportamentos homicidas, o que consideran inxustificable.
Cloudflare non estaría a censurar 8chan, simplemente deixa que tal foro deixe de ser o seu problema, como fixeron hai un par de anos co Daily Stormer, un medio supremacista branco de EE.UU. que tras o veto de Cloudflare pasaron a empregar os servizos de BitMitigate.
ACTUALIZACIÓN: Como era de prever, tras o cesamento do servizo de Cloudflare, dende 8chan optaron por contratar os servizos de BitMitigate, pero esa saída foi efémera, xa que o rebumbio xerado fixo que o punto de mira se puxese nestas última plataforma, que resultou non operar cunha infraestrutura propia, senón que recorría a máquinas de Voxility, compañía que non quere ter nada que ver con 8chan, polo que decidiu atallar a situación cortando o servizo a BitMitigate, o que deixou fóra de servizo a 8chan, BitMitigate e ao antes mencionado Daily Stormer. É precisamente o feito de que a mesma compañía fose reincidente ao dar servizo a espazos web polémicos o que levou a que quixesen cortar as relacións coa mesma.
Temos así como certas subculturas da Internet consideradas tóxicas están a verse cercadas dun xeito curioso: vetos por parte de provedores de servizo. Deste xeito, estar no límite da legalidade non é dabondo para que poidan manterse en liña facilmente, e ao igual que están a verse expulsados das principais plataformas de redes sociais, está a crearse un momento social que leva a que as empresas, por responsabilidade social, decidan pechar as portas a espazos reaccionarios na web que faciliten a creación de comunidades que poidan rematar sendo un problema para a sociedade en xeral (chegando a ser o catalizador de masacres e outros conflitos).
