O comercio electrónico medrou con moita forza en España nos últimos anos e, curiosamente, non foron as grandes marcas locais as que conseguiron conquistar o sector, que está liderado pola estadounidense Amazon, á que segue a chinesa AliExpress, que onte iniciou unha nova etapa ao abrir a súa primeira tenda física en España, situada no Centro Comercial Xanadú (Madrid).
A apertura do novo establecemento foi multitudinaria, superando a capacidade do propio centro comercial con máis de 3.000 persoas que pretendían optar a algún dos 500 agasallos que prometeran para os primeiros visitantes, de xeito que os máis madrugadores (que chegaron a durmir dúas noites nas portas do centro comercial) puideron facerse con smartphones, patinetes eléctricos, cámaras de acción… ata simples globos.
A nova tenda madrileña, en vez de presentar unha aparencia de tenda de produtos chineses baratos, replica a estética de tendas como as de Apple ou Xiaomi, con 760 metros cadrados nos que repártense produtos de marcas como Huawei, Xiaomi ou incluso a española Cecotec, de xeito que o volume do catálogo está moi lonxe do que podemos atopar en AliExpress vía web, pero con prezos na mesma liña que os que vemos en AliExpress Plaza (lembremos que AliExpress non ten as mesmas condicións para as compras na súa tenda en liña española que cando pedimos na súa versión internacional).
Haberá que agardar agora para ver se este establecemento ten éxito e así abren máis tendas da marca no resto do territorio español.
AliExpress abre a súa primeira tenda física en España
Compartir Este Artigo
