Vicepresidencia vén de facer reconto da actividade do programa Iaocobus, destinado a alentar a cooperación científica e tecnolóxica universitaria e dos centros tecnolóxicos de Galicia e o norte do Portugal. Segundo se fai saber no balance, o programa ten apoiado dende 2014 un total de 798 proxectos, cun financiamento de preto de 880.000 euros. Na iniciativa, ademais, participan sete universidades, catro institutos politécnicos e 22 centros tecnolóxicos de ámbalas beiras da raia. Ten dúas modalidades: Iacobus estadías de investigación e Iacobus papers (divulgación de publicacións científicas).
O programa está xestionado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP, AECT), en colaboración coa Xunta, a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte e a Fundación CEER, e está co-financiado polo Programa INTERREG VA.
O abano de áreas de traballo dos beneficiarios das convocatorias lanzadas é moi amplo: ciencias da saúde, humanidades, enxeñarías, ciencias económicas e empresariais, ciencias sociais, Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC), ciencias ambientais, recursos naturais, dereito, etc.
A día de hoxe está en desenvolvemento a correspondente á sexta edición. Os resultados das enquisas de satisfacción sobre as anteriores convocatorias indican “un grao de satisfacción elevado”, xa que en torno ao 90% da valoración é “alta ou moi alta, manténdose os resultados relativamente estables no tempo”, segundo se sinala no balance.
Ao abeiro de Iacobus desenvolvéronse novos proxectos, como por exemplo a Feira Internacional de Emprego Universitario (Universidade de Vigo, do Porto e a UTAD), a feira FINDE.U. Asemade, promoveuse a organización conxunta de eventos, congresos, xornadas e cursos específicos entre as universidades socias do programa. En 2018 púxose en marcha outra novidade, xa que se lanzou por primeira vez o Iacobus Publicacións Científicas, que ten como obxectivo principal fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e divulgación científica, a través de axudas económicas á publicación de artigos en revistas indexadas no vixente Journal Citation Report (JCR) e Scopus (para a área das humanidades), así como mellorar a calidade científica e a competitividade das universidades. Nesta primeira edición foron apoiadas 34 publicacións científicas cun valor total de 34.000 euros destinados aos grupos de investigación dos respectivos demandantes.
Iacobus impulsou case 800 proxectos científico-tecnolóxicos nas dúas beiras da raia
Compartir Este Artigo

