
Estas distancias situábanse ata o de agora entre os 300 e os 400 quilómetros, tal e como explica o profesor do Departamento do Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo e investigador de AtlantTIC, Marcos Curty, que engade que coa investigación levada a cabo recentemente por el mesmo e expertos da Universidade de Toronto demostrouse que é posible “duplicar practicamente esas distancias de transmisión, ata alcanzar os 700 quilómetros”.
Así o constatan no estudo que veñen de publicar na revista Physical Review Letters, da Sociedade Americana de Física.
“A criptografía cuántica basea a súa seguridade en leis fundamentais da física e é, polo tanto, inmune e calquera avance computacional”, sinala Curty respecto dunha técnica que “codifica a información en pulsos ópticos moi atenuados, que conteñen en promedio un fotón por pulso e se propagan por fibras ópticas”, garantindo unha “confidencialidade absoluta da información”. A súa principal limitación, engade, débese precisamente as “perdas de transmisión” a través destas fibras que fan que, a maiores distancias, diminúa a chamada “taxa de clave” da información, de tal xeito que “coa tecnoloxía actual necesitaríanse preto de 100 anos para lograr transmitir un fotón con éxito a unha distancia de 1000 quilómetros”.
Curty desenvolveu xunto cos investigadores Hoi-Kwong Lo e Koji Azuma unha proposta teórica “na que formulabamos un protocolo cuántico que permitiría ter unha boa taxa de clave a distancias moito máis elevadas”.
A cerna da proposta reside en que os fotóns non teñan que viaxar todo o camiño desde o transmisor ata o receptor, senón unicamente a metade. Así, a principal dificultade da técnica residía en conseguir que fotóns xerados por láseres independentes e transmitidos por fibras ópticas distintas tiveran a mesma fase e puideran interferir cuanticamente. Logo de demostrar a viabilidade disto, os investigadores de Vigo e Toronto deseñaron e desenvolveron un experimento, levado a cabo na universidade canadiana, no que esa dificultade era superada cunha técnica de autocompensado óptico, demostrando así o factible do sistema.
AtlantTIC descobre como ampliar os límites dos sistemas de criptografía cuántica
Compartir Este Artigo

