A Facultade de Informática da Universidade da Coruña acolle este martes 24 a fase de clasificación da I Liga Nacional Interuniversitaria de Retos no Ciberespazo, que organiza a Dirección Xeral da Garda Civil e o Centro Universitario da Garda Civil. Segundo nos contan dende a FIC, a cita deste martes consiste nun campionato no que se porán a proba as habilidades técnicas do alumnado en distintos eidos da seguridade en Internet e as novas tecnoloxías.
O campionato artéllase dúas fases, a primeira, clasificatoria durante os meses de setembro e novembro que se desenvolverá en quince sedes universitarias en España e a segunda, a fase final, que terá lugar no Centro Universitario da Garda Civil.
A fase de clasificación da UDC comezará mañá ás 9:00 horas na aula 2.10 da Facultade de Informática coa participación de catro equipos. As sesións comezarán cunha conferencia dos coordinadores do campionato que dará paso aos retos. Os finalistas serán os que obteñan un maior número de puntos, elixíndose un representante de cada universidade, que pasarán á fase final na que terán que superar unha serie de desafíos de habilidade semellantes e complementarios aos da fase inicial.
Os premios consistirán en material tecnolóxico, bolsas de estudo e períodos de prácticas en empresas.
Para máis información sobre esta actividade, cómpre visitar a web da Liga Nacional.
A FIC acolle este martes a fase de clasificación da I Liga Nacional de Retos no Ciberespazo
Compartir Este Artigo

