A comunicación galega científico-tecnolóxica recibiu a semana pasada un importante recoñecemento. Estamos a falar da concesión do Premio Manuel Reimóndez Portela de xornalismo ao noso compañeiro e colaborador Henrique Neira, presenza habitual na nosa edición en papel dende hai xa uns cantos anos e, sen dúbida, un dos grandes responsables de que Código Cero siga sendo o referente galego que é en divulgación tecnolóxico-dixital e, da súa man, tamén en divulgación histórica e literaria. Precisamente foron as súas reportaxes publicadas na nosa revista (cinco artigos da súa autoría) as que motivaron en boa medida a concesión do dito recoñecemento.
O xurado, presidido polo edil de Cultura do Concello da Estrada, Juan Manuel Constenla Carbón, estivo integrado por Victoria Reimóndez Sanmartín, María del Carmen Vieitez Conde, Enrique Otero Fernández e Juan Andrés Fernández Castro, exercendo como secretario, José Manuel Bouzas Blanco. Todos eles coincidiron á hora de salientar a calidade dos artigos e máis a súa “unidade temática e frescura”, así como “a particular visión que nos ofrece de aspectos pouco coñecidos de catro grandes escritores galegos: Vicente Risco, Emilia Pardo Bazán, Wenceslao Fernández Flórez e Rosalía de Castro”.
Henrique Neira Pereira, naceu en Caracas (Venezuela) no ano 1973. É un xornalista, escritor, historiador, debuxante e investigador galego. Estudou xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde se doutorou en 2016 en Comunicación e Xornalismo coa tese Música popular e sociedade no Val do Ulla de 1920 a 1936: unha visión analítica desde a prensa comarcal. En xullo de 2019 graduouse na USC en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural.
Formou parte da redacción dos xornais El Correo Gallego e Galicia Hoxe. Traballou tamén no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e, na actualidade, forma parte do equipo de redacción de Código Cero, o diario de comunicación TIC de Galicia.
O acto de entrega do premio celebrouse este 20 de setembro no marco da 33ª Feira do Moble de Galicia. Na cita participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e máis o alcalde da Estrada, José López Campos, entre outros persoeiros da nosa cultura e da nosa vida política. O premio está dotado con 1.000 euros, ademais dunha talla conmemorativa e un diploma acreditativo.
O noso colaborador Henrique Neira, Premio Reimóndez Portela de xornalismo
Compartir Este Artigo

