
A continuación, celebrouse un relatorio maxistral (Presente e futuro da administración electrónica) achegado polo director da División de Planificación e Coordinación de Ciberseguridade do Ministerio de Política Territorial e Función Pública, Miguel Ángel Amutio; e o analista independente e director de contidos de la revista Retina do xornal El País, Jaime García Cantero.
No transcurso da xornada de apertura, Fernando Suárez indicou que as administracións están obrigadas a adaptar os seus modelos organizativos e a relación cos cidadáns, a través de profesionais con competencias para abordar estes cambios de maneira axeitada e eficaz. “A Administración Electrónica é unha realidade sociolóxica e política, froito do uso da informática no ámbito público, que ten como principios fundamentais a inmediatez, a proximidade, a eficacia e a transparencia”. Suárez sinalou que esta realidade tamén está apoiada desde o punto de vista normativo, centradas actualmente na consolidación dos medios electrónicos como a pauta xeral na tramitación administrativa. “Un rexistro electrónico, unha cita automatizada, un padrón de habitantes instantáneo ou o pago dun tributo desde unha web son sen dúbida pasos importantes no camiño da Administración Electrónica, pero carecen de sentido se non forman parte dun proceso común, interoperable, seguro e consolidado”, engadiu.
Mar Pereira subliñou que o acceso dos empregados públicos á formación é chave para que poidan desempeñar a súas funcións nun contexto dixital e intensificar o uso dos servizos dixitais. Ademais, adiantou que a Administración autonómica contará cun Plan de capacitación dixital do empregado público dirixido a todas as persoas que traballan nas administracións públicas galegas e que permitirá acadar o certificado galego de competencias dixitais. Sinalou tamén que se está a traballar na concreción deste marco de competencias dixitais, recollido na Lei de Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA), e que se prevé que estea regulado no 2020.
Sonia Rodríguez-Campos, pola súa banda, salientou a importancia da formación do persoal empregado público para poder afrontar os retos tecnolóxicos e normativos que está a supoñer a eAdministración. Amais, destacou o éxito desta convocatoria que recibiu 400 solicitudes para 80 prazas dispoñibles.
Na súa intervención, Miguel Ángel Amutio explicou que a transformación dixital é un feito que afecta a todos os ámbitos, incluíndo a organizacións, profesionais e cidadáns, aos seus medios e hábitos por razón da omnipresenza da tecnoloxía. Tamén sinalou que para a Administración é unha oportunidade de transformación, que vai alén do estritamente tecnolóxico, “para facilitar a aplicación das políticas públicas en xeral e de igualdade e acadar escenarios de servizos con maior orientación ao usuario”.
Amutio lembrou que a transformación global das institucións públicas implica a persoas, procesos, tecnoloxías e datos, e no caso de España esta estratexia aséntase en tres piares fundamentais: marco legal, cooperación e servizos.
Pola súa parte, o analista independente e director de contidos da revista Retina do xornal El País, Jaime García Cantero, manifestou que xa se ten superado o concepto de transformación dixital, e na actualidade fálase máis de mundo “posdixital”, xa que o dixital forma parte do noso día a día.
Formación transversal
O Curso Superior de Administración Electrónica pretende afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da Administración Electrónica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas entidades públicas da nosa Comunidade. O obxecto é integrar de maneira transversal todos os ámbitos que se relacionan coa eAdministración: tecnolóxicos, xurídicos, políticos, organizativos e comunicativos, entre outros.
Os contidos do programa enfocarán desde distintas perspectivas a administración electrónica para que as persoas ás que se dirixe “adquiran ou perfeccionen os coñecementos teóricos e prácticos da informática e do dereito, completando a súa formación no dereito TIC”.
O presidente do CPEIG sinala que o curso “sempre ten una alta demanda de matrículas e conta con profesionais de recoñecido prestixio en cada unhas das materias a abordar no seu transcurso”. Nas súas palabras, “esta formación capacitará a todos os alumnos para implementar proxectos de Administración Electrónica, avaliar o seu impacto sobre a calidade dos servizos e para que contribúan a mellorar o rendemento da Administración e as políticas públicas”.
A formación está destinada a persoal empregado público, en situación de servizo activo da Administración autonómica e entidades instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia. Celebrarase de forma semipresencial do 24 de setembro ao 22 de outubro, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas.
O CPEIG e AMTEGA inauguraron o Curso Superior de eAdministración
Compartir Este Artigo

