CITIC Censa vénse de sumar á listaxe de empresas referenciais galegas que, ao abeiro da Edición Retos Industria 4.0 do centro de crowdworking tecnolóxico Galicia Open Future, lanzan novos desafíos dirixidos a emprendedores, startups, PEME e organismos de investigación de todo o mundo. A lista de Galicia Open Future, a aceleradora galega de Telefónica, está integrada, tamén, por Nova Pescanova, FINSA e COREN.
CITIC Censa, situada no Porriño, é unha empresa de caldeirería pesada e recipientes a presión que iniciou a súa actividade en 1965, e que no ano 2011 foi integrada dentro do grupo CITIC, un holding chinés que emprega a 140.000 persoas en negocios tan diversos como banca, seguros, enerxía, enxeñaría, tecnoloxías da información e industrias do metal.
No caso particular de CITIC Censa, o 80% da súa actividade está centrada na fabricación de grandes pezas metálicas (sobre todo muíños e fornos) destinadas ao sector da minería, unhas pezas de gran envergadura que, polas súas características, precisaban unhas condicións axeitadas e específicas de carrexado. Deste punto, da necesidade de facilitar o seu transporte, abrollan os dous retos achegados pola empresa.
Polo tanto, os desafíos teñen relación directa co seguinte: como poden as novas tecnoloxías axudar a CITIC Censa a mellorar o proceso de mecanizado de pezas metálicas semicilíndricas de gran tamaño, por unha banda, e de pezas planas por outro?
No caso da proposta orientada ás pezas semicilíndricas, CITIC Censa busca solucionar o problema que xorde cando as pezas se deforman lixeiramente debido á gravidade, a temperatura, as tensións de fabricación e a propia memoria do material, o que fai que os centros dos puntos marcados e cargados segundo plano no Control Numérico por Computadora (CNC) non coincidan co punto real sobre a peza dividida, o que obriga aos operarios a ir axustando manualmente a máquina para que as coordenadas correctas se aliñen co punteiro que está fixado ao CNC.
No caso das pezas planas, nas que se centra o segundo reto, trátase de achar solucións técnicas para resolver problemas de perforación asociados sobre todo ás irregularidades das superficies.
Con ambos desafíos, CITIC Censa busca “reducir os tempos de mecanizado das pezas, mellorar os prazos de fabricación e aumentar a capacidade produtiva”.
Presentación das candidaturas
O prazo de presentación das candidaturas arrinca este 26 de setembro, ás 9:00 h. e finaliza o 21 de outubro de 2019 ás 18 h. Tras recibir as propostas seleccionarase a un gañador para cada un dos desafíos, que poderán desenvolver un piloto da súa solución coa empresa, e ata tres finalistas. Cada gañador terá unha axuda da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, de 20.000 euros para a posta en marcha do proxecto piloto.
Ademais, tanto os gañadores como o tres finalistas poderán acceder a un programa de aceleración dentro do ecosistema Open Future de Telefónica, e recibirán ademais un patrocinio de 10.000 euros, achegado por GAIN, como recoñecemento “ao seu esforzo innovador.” Transcorrido o tempo de aceleración, seleccionarase ao mellor dos tres finalistas, que recibirá unha axuda adicional de 10.000 euros achegada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Á parte das achegas económicas directas, a empresa gañadora poderá acceder a un préstamo participativo, ata un máximo de 100.000 euros concedido por XesGalicia, dependente da Xunta de Galicia. No caso dos finalistas poderán acceder a un préstamo participativo de ata 50.000 euros, tamén concedido por XesGalicia.
CITIC Censa lanza dous novos retos de innovación 4.0 ao abeiro de Galicia Open Future
Compartir Este Artigo

