
En termos máis concretos, trátase de pantallas de información de alta resolución e gran formato, intelixentes e conectadas online mediante un reprodutor multimedia de contidos, con capacidade para transmitir fotos, vídeos, arquivos PDF, son, redes sociais e páxinas HTML, entre outros. Ademais, estes taboleiros dixitais estarán controlados mediante unha plataforma software de control e xestión de contidos instalada en cloud, na nube.
Con este sistema preténdese dispoñer dunha canle de comunicación para transmitir todo tipo de referencias sobre actividades culturais, campañas, eventos, feiras, lugares de interese para visitar, etcétera; así como emitir información procedente da cidadanía coma, por exemplo, actos de asociacións.
Segundo as previsións, os paneis estableceranse no interior do Concello, na entrada do mercado municipal e no recibidor do complexo polideportivo da Fieiteira. No que respecta ao exterior, colocaranse nas fachadas do Consistorio e da Sala Museo Municipal, así como no entorno da Oficina Municipal de Turismo. Así mesmo, as pantallas a subministrar deberán integrarse coa estética dos edificios e do lugar en que se dispoñan.
O prezo base de licitación son 116.668’20 euros e os interesados poden formular as súas ofertas de xeito telemático na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia ata o 4 de novembro ás 0.00 horas. O tipo de contrato será dos denominados chave en man, que asegure a realización da entrega totalmente equipada e en perfecto estado de funcionamento.
Esta iniciativa enmárcase dentro da EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020, financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. Adscríbese a liña de actuación deste plan denominada Modernización da Administración e Smart Village Ribeira.
Ribeira ampliará a comunicación coa cidadanía cun sistema de cartelaría dixital
Compartir Este Artigo

