A Xunta de Galicia avanza na consolidación do novo modelo de xestión dos sistemas de impresión e dixitalización corporativos, que comezou a implantar en 2017 para adaptar este servizo ás necesidades da administración electrónica. Con este obxectivo a AMTEGA licita un novo acordo marco para a contratación centralizada do mantemento e renovación de equipos e o subministro de consumibles mediante o sistema de pago por copia.
Co primeiro contrato marco abordouse a primeira fase da reorganización do parque de equipos de impresión da Xunta, reducindo nun 40% o número de dispositivos. O novo contrato marco, aprobado hoxe, permitirá completar a segunda fase do proceso Unha vez implantado o novo modelo de xestión consolidarase un aforro anual de 1,8 millóns de euros, grazas á redución do número de equipos instalados e a optimización de custes derivados da contratación centralizada.
Con esta iniciativa a Administración autonómica busca mellorar a calidade dos seus medios de impresión e dixitalización, adaptándoos ás capacidades e necesidades do proceso de dixitalización no que está inmersa.
O novo contrato marco permitirá estender a toda a Administración xeral o uso compartido das máquinas por departamentos ou grupos de traballo, limitando o emprego de impresoras en postos individuais para servizos de atención directa ao cidadán ou aqueles que manexen información sensible. Nesta mesa liña, continuaranse a reducir os equipos de impresión a cor en favor de solucións en branco e negro.
Outra das medidas que contempla o acordo é a homoxeneización dos equipos, establecendo un número de modelos reducidos. Deste xeito, facilitarase a súa xestión asegurando a posibilidade de xestionar remotamente toadas as máquinas. Ademais, incorpóranse sistemas de control de impresións por máquina para poder analizar as necesidades reais de cada posto de traballo.
Este novo sistema permite simplificara a carga administrativa grazas á facturación centralizada baixo a fórmula de pagamento por uso e emisión de facturas únicas por centro de gasto. O acordo marco prevé un investimento de ata 12,2 millóns de euros.
A aprobación deste novo acordo marco é unha das actuacións do Plan de Acción de Dotación e Xestión sostible no Posto de Traballo, que desenvolve a AMTEGA, para garantir que os empregados públicos dispoñan dos medios tecnolóxicos axeitados ás súas funcións e á prestación dos servizos dixitais para cidadáns e empresas que require o contexto actual.
A Xunta avanza no novo modelo de xestión dos sistemas de impresión e dixitalización
Compartir Este Artigo

