Malia que sexa unha tarefa non moi valorada por determinadas correntes profesionais, correntes abeiradas á necesidade de producir máis nun mínimo de tempo, as probas de software teñen demostrado non pouca utilidade no sector industrial TIC, sobre todo para evitarnos retomar un traballo que debera estar feito e, tamén, o mal trago de dar explicacións e perder tempo e recursos económicos. Vitae Consultores teno ben claro: “Hoxe en día semella que estamos a deixar atrás o desprezo á práctica de probar software e xa case ningunha empresa acepta, no sector do desenvolvemento de programas, o negacionismo sobre a relación entre calidade e probas”. Neste punto xorde o obradoiro en aberto JS Testing: Probas útiles e rendibles, da consultora galega Vitae.
A actividade formativa, que se programa baixo o epígrafe Taller práctico para probar aplicacións web e JavaScript, celebrarase na Coruña os días 22 e 23 de novembro, contando con 10 horas de contidos. A súa base está na constatación das vantaxes de testear como é debido ferramentas e recursos tecnolóxicos antes de lanzalos e achegalos aos usuarios, un labor estreitamente relacionado coa experiencia, o sentido común e a nosa capacidade para anticiparnos positivamente aos diversos acontecementos futuros. En palabras de Vitae, “a detección temperá de erros, a validación das funcionalidades e a mellora no deseño do código son tres razóns que permiten dicir rotundamente: as probas aforran diñeiro”.
Ao fío do devandito, o obradoiro facilítanos o camiño da aprendizaxe e a adopción das técnicas máis eficaces de validación: “Neste curso axudaremos aos participantes a que coñezan ben os fundamentos das técnicas máis comúns para que poidan incluílas de contado, para que así melloren a calidade dos seus programas”, engade a consultora.
Os obxectivos do obradoiro son os seguintes: dar a coñecer os termos e a filosofía dos distintos tipos de probas, comprobar funcionalidades con probas end to end de aplicacións web, refactorizar código legacy coa tranquilidade das probas unitarias e de integración e crear novo código baixo o paradigma Test Driven Development.
O taller está dirixido a programadores de aplicacións con experiencia e/ou con coñecementos de tecnoloxías web: HTML e JavaScript.
O curso terá unha duración de 10 horas cun enfoque eminentemente práctico.
A persoa encargada de impartir este contidos será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores.
Vitae móstranos nun obradoiro aberto como facer probas útiles e rendibles de software
Compartir Este Artigo

