Un equipo de investigadores da Universidade de Vigo vén de desenvolver e lanzar unha aplicación móbil directamente encamiñada a botar luz sobre o funcionamento da selección natural das especies, das leis de Mendel e da influencia do hábitat sobre aquelas. Trátase de SnailRain, en palabras da UVigo un exemplo perfecto de como se pode educar en ciencia e facelo de maneira divertida e tecnolóxica.
A creación deste xogo enmárcase nun proxecto de investigación estatal liderado polo catedrático Emilio Rolán e o profesor Antonio Carvajal, ambos do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía. Rolán explica que SnailRain “amosa como unha poboación de caracois adáptase á selección natural”, mentres que o hábitat no que viven e a súa configuración xenética condicionan a probabilidade de supervivencia ante o depredador. Ese papel de depredador que trata de matar caracois é o que desenvolve o xogador, que elimina os gasterópodos co dedo a medida que estes caen da parte alta da pantalla simulando distintos hábitats.
SnailRain xorde dunha constatación: a constatación dos bos resultados educativos que acada a confluencia entre contidos educativos, tecnoloxías e espírito lúdico. O obxectivo do xogo é que o usuario experimente como a selección natural é quen de adaptar a cor das poboacións á cor do seu hábitat, “representando unha simplificación de como podería evolucionar a coloración de camuflaxe”, explican os investigadores, engadindo que no xogo os usuarios teñen que capturar caracois para alimentarse mentres estes móvense polo seu hábitat, simulando o que sería o proceso de captura dun depredador visual calquera.
Segundo engaden os seus creadores, trátase dun xogo para todas as idades, que pode ser empregado a partir dos 7 anos. Con todo, a franxa obxectivo do público ao que se busca chegar é do alumnado da ESO, complementando e ampliando os seus coñecementos sobre a evolución.
O xogo está dispoñible para Android pero os seus impulsores non descartan facer no futuro unha versión para iOS.
A idea de poñer en marcha iniciativas coma esta responde a “unha corrente global”, explica Rolán, destacando que o proceso atinxe a todas as facetas da nosa contorna: “Hoxe non fai falta recorrer aos discos para facerse famoso cunha canción e, do mesmo xeito, unha clase de teoría debe tratar de utilizar recursos da web e visuais”. Rolán recoñece a necesidade dos docentes de actualizarse, pero remata salientando que isto debe facerse “sen perder nunca o obxectivo prioritario de calquera labor docente: ensinar conceptos complexos da forma máis sinxela pero precisa posible”.
A UVigo lanza unha app para ilustrar os procesos da selección natural entre os escolares
Compartir Este Artigo

