As Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), poñendo o foco nas súas posibilidades para axudar ás empresas a acadar novos mercados e facilitar o proceso de internacionalización, centraron os días pasados un novo obradoiro de traballo do Consorcio da Zona Franca de Vigo. O taller desenvolveuse ao longo de dous días no marco dos denominados Mércores de Zona Franca.
Un total de 17 empresas inscribíronse para participar neste taller temático, que se iniciou o pasado 25 de setembro e rematou onte mesmo. Ao longo das sesións do programa formativo e de adestramento, as PEME asistentes puideron adquirir todo tipo de coñecementos para desenvolver o seu roteiro de planificación e definir o plan de investimentos TIC para a súa internacionalización.
Segundo informa a Zona Franca acerca das posibilidades do obradoiro, “un dos principais atractivos do taller TIC para a túa internacionalización foi que as firmas participantes iniciaron contactos con diferentes empresas provedoras deste tipo de tecnoloxías”. Entre outras, puideron manter encontros con empresas adicadas á xestión documental e ao manexo de servizos na nube, á mercadotecnia dixital, ou a xestión de comercio electrónico. En palabras de David Regades, delegado da Zona Franca, “as tecnoloxías da información teñen un custo que as empresas poden asumir e ademais tradúcense nun impacto directo nos procesos de procura eficaz de novos mercados”. Regades engadiu que nesta actividade, que cubriu en pouco tempo as súas prazas, “as empresas puideron achegase á realidade da que estabamos a falar, ao incluír a instalación dun demolab para que valorasen a idoneidade de determinadas solucións tecnolóxicas”.
A Zona Franca mostrou como tirar proveito das TIC para conquistar novos mercados
Compartir Este Artigo

