Este 30 de outubro celebrouse no pazo provincial da Deputación da Pontevedra, ao abeiro do proxecto Labora 2020 da entidade provincial, unha xornada de traballo para impulsar a empregabilidade entre as persoas con meirandes dificultades para atopar un posto de traballo. Falouse de adestramento, mercadotecnia dixital, psicoloxía e intelixencia emocional, amais de proporcionarse claves para tender pontes máis firmes entre demandantes de emprego e potenciais contratadoras. A primeira xornada de 2020, á que asistiron máis de 100 persoas, púidose seguir integramente en liña, por streaming, a través da web da Deputación. O deputado provincial Gregorio Agís asistiu á súa apertura.
Un dos puntos máis destacados da xornada foi o relatorio de Laura Chica, psicóloga, escritora, formadora e adestradora experta en intelixencia emocional con máis de 50.000 seareiras e seareiros en Instagram, 35.000 en Twitter e 14.000 en Facebook. A súa conferencia levou o título de Desenvolvemento persoal e coaching e centrouse en como fortalecer as capacidades profesionais que todas e todos levamos dentro. Laura Chica salientou que “ante un mundo complexo e volátil só quedamos nós e os nosos recursos persoais, por iso sempre é o intre de darnos unha oportunidade”.
Pola súa banda a adestradora da Escola Europea de Líderes, Yolanda Villar, centrou a súa charla (o relatorio Superación de barreiras no proceso de busca de emprego: crenzas limitantes) en tres eixes principais: o das capacidades diferenciadoras de cada quen, o noso potencial de autoliderado e na importancia da mercadotecnia innovadora á hora de buscar traballo.
Un centenar de persoas encheu a Deputación de Pontevedra para avanzar en empregabilidade
Compartir Este Artigo

