As mulleres de Lugo teñen moito que dicir en materia en innovación, emprendemento e novos proxectos creativos de mercado. Para darlles a máxima visibilidade, AELU, a Deputación e o Concello veñen de convocar a nova edición dos Premios son Muller, cuxas bases e información xa se poden consultar vía web. O obxectivo: visualizar o recoñecer as relevantes e imprescindibles contribucións femininas á economía luguesa e galega.
A nova edición (a segunda) do certame foi dada a coñecer polo deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, a concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, a presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU), Beatriz Varela Regueira, e o director territorial de Abanca en Lugo, Javier Soto.
Rivera Capón sinalou que “dende a Deputación colaboramos con este tipo de iniciativas porque contribúen a mostrar, poñer en valor e promover o traballo das mulleres como piar económico da nosa provincia”. A Deputación colabora con estes premios cunha achega económica de 3.500 euros e cun vídeo divulgativo elaborado polo departamento de Servizos Audiovisuais.
As empresarias e emprendedoras luguesas interesadas en participar nos Premios Son Muller poden inscribirse ata o día 8 de decembro.
Categorías e premios
Os Premios Son Muller contan con 3 categorías:
· Son Emprendedora: un proxecto empresarial cuxa actividade económica leve en marcha un período máximo de 42 meses.
· Son Empresaria: empresaria destacada no ano 2019 da provincia de Lugo, con actividade dende como mínimo 42 meses e un día.
· Son Empresaria Rural: promotora de proxectos orixinais e innovadores de mulleres rurais, baseados en actividades agrarias complementarias, así como en actividades agroalimentarias, turísticas, industriais, ou que fomenten a diversificación da actividade económica e que impulsen o emprendemento das mulleres no territorio rural.
O certame contará cun xurado formado por representantes de AELU e personalidades de recoñecido prestixio, pertencentes a distintos ámbitos das administracións, empresas e sociedade luguesa. O xurado será responsable de seleccionar as candidaturas gañadoras. Os premios son:
· 1º premio: dotación económica de 1.000€ en cada categoría, máis un ano de cota gratuíta como asociada da Asociación de Mulleres Empresarias e un xogo de artesanía en cerámica, Matrioskiñas Galegas, elaborado por unha artesá luguesa e deseñado especialmente para o premio.
· 2º premio: un ano de cota de balde como asociada da Asociación de Mulleres Empresarias e un xogo de artesanía en cerámica.
A entrega de premios ás gañadoras terá lugar nun acto previsto para o vindeiro 13 de decembro, ás 20:30 horas, no centro sociocultural O Vello Cárcere de Lugo.
AELU, a Deputación e o Concello de Lugo lanzan nova edición dos Premios Son Muller
Compartir Este Artigo

