A Área de Persoas Maiores do Concello de Vilagarcía vén de pór en marcha una nova acción formativa para facilitar tirar abaixo as barreiras que separan ás veciñas e veciños de máis de 60 anos das vantaxes e posibilidades informativas e comunicativas das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (as TIC). O departamento que dirixe Tania García organiza un curso sobre o uso do móbil e o computador coa intención de que a xente de idade poida “sacar o máximo rendemento aos seus dispositivos para a realización de tarefas cotiás”. O obxectivo: contribuír a romper a brecha dixital que afecta especialmente a este sector da poboación. O curso é de balde e as/os interesados poden inscribirse xa nas dependencias da Concellería.
Segundo informa a Área de Maiores, a través deste obradoiro as persoas asistentes aprenderán cuestión básicas sobre o uso dos seus dispositivos móbiles, que lles permitirán relacionarse e comunicarse a nivel persoal e coas administracións, así como realizar trámites relacionados co ocio ou a vida cotiá, como comprar unha entrada para ir ao cine por Internet ou pedir a compra a domicilio a un supermercado.
“No curso aprenderán cousas tan sinxelas como axustar o volume do teléfono, usalo para escoitar a radio, empregar os auriculares, gardar números na axenda e a comunicarse por mensaxe ou a través do servizo Whatsapp”, explica a Concellería, engadindo que tamén se achegarán recursos para a identificación de iconas, o acceso á Rede ou para sacar, gardar e enviar fotos e audios.
O obradoiro tamén fará unha introdución ao uso do computador para que os maiores “saiban abrir e usar unha conta de correo electrónico, usar os buscadores de Internet para procurar información, e mesmo facer algún trámite online, como pedir cita no médico”.
O curso comeza o 25 de novembro e se impartirá no Auditorio en horario de mañá en días alternos do 25 de novembro ao 20 de decembro. Os interesados poden inscribirse nas dependencias da Concellería ata o día 22 de novembro ou ata que se cubran as 20 prazas dispoñibles, que se adxudicarán por rigorosa orden de inscrición.
Vilagarcía lanza un obradoiro para introducir nas TIC ás persoas maiores
Compartir Este Artigo

