Este sábado retransmitirase en streaming, dende a Cidade da Cultura, xornada #CulturaLike, un encontro con dous divulgadores culturais que están a triunfar nas redes sociais cos seus contidos: Jaime Altozano, con 1,82 millóns de subscritores en YouTube, e o galego Miguel Ángel Cajigal, máis coñecido como El Barroquista, con preto de 42 mil seareiros en Twitter. Segundo informa a Xunta, organizadora da xuntanza, esta esgotou en dúas horas as súas prazas e, ante a expectación suscitada, decidiuse emitila en liña polas redes sociais da Cidade da Cultura, a partir das 11.00 horas, cando comeza o encontro. Nel mostrarase, entre outras cousas, como as ferramentas dixitais poden servir de “aliadas perfectas” para difundir a arte fóra dos espazos museísticos.
Así, no encontro estará un dos máis destacados divulgadores culturais en lingua hispana en Internet, Jaime Altozano, compositor e produtor musical, que ten colaborado como creador de contidos divulgativos con institucións como a Universidade Politécnica de Madrid ou Teatro Real e con diferentes medios de comunicación.
En Galicia tamén hai influencers culturais cunha forte pegada e seguimento en Twitter, como é o caso de Miguel Ángel Cajigal, máis coñecido por El Barroquista. A conta de Twitter deste licenciado en Historia da Arte e diplomado en Estudos Avanzados da Música pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) rexistra máis de 40.000 seareiros. Director do Máster de Educación en Museos y Espacios Culturales da Universidad Miguel de Cervantes (Valladolid) tamén colabora como divulgador cultural no programa Galicia por Diante da Radio Galega e forma parte do Servizo de Educación, Mediación e Atención ao visitante da Cidade da Cultura.
Da man destes dous destacados creadores de contidos culturais nas redes sociais, os participantes en #CulturaLike terán a oportunidade de coñecer as claves dos novos relatos da cultura en Internet; a potencialidade da súa difusión en liña; e as importancia do seu deseño para facilitar a súa comprensión e acadar un maior impacto.
Todos os participantes traballarán tamén cun caso práctico, os contidos de Galicia, un relato no mundo, a primeira das tres grandes exposicións que a Xunta de Galicia realiza no Museo Gaiás da Cidade da Cultura dentro da programación do Xacobeo 21.
Deste xeito, deberán realizar as súas propias achegas divulgativas ao redor desta mostra, que exhibe por primeira vez en Galicia destacada pezas de alto valor simbólico para a historia e cultura do noso país e que se atopan en prestixiosas institucións museísticas en diferentes recunchos do planeta.
Precisamente, convidaráselles ás persoas inscritas en #CulturaLike a participar na proba práctica Ti tamén podes facer #CulturaLike, na que poderán amosar os coñecementos adquiridos e as súas habilidades na construción de contidos e relatos en liña con esta grande exposición do Museo Centro Gaiás e nunha destas catro redes sociais: Twitter, Instagram, Facebook ou Youtube.
A publicación en cada unha destas canles da persoa que máis interaccións reciba ata o 31 de decembro recibirá como agasallo unha visita privada para el e para un acompañante con El Barroquista, quen lles ensinará a catedral de Santiago. Esta experiencia suporalles a descuberta dun xeito diferente desta obra mestra da arte románica mundialmente recoñecida e de espazos que, de seguro, nunca antes se tiñan fixado co detemento e ollada deste especialista. A visita comentada incluirá o Arquivo da catedral e o soberbio Pórtico da Gloria, recentemente restaurado para recuperarlle a súa policromía orixinal.
O encontro #CulturaLike con Jaime Altozano e El Barroquista será retransmitido por streaming
Compartir Este Artigo

