
Abanca e Lanzadera, a aceleradora de empresas impulsada por Juan Roig, presentaron hoxe en Vigo o programa Corporate Lanzadera-Abanca. O director de Innovación da entidade bancaria galega, Eduardo Aldao, a xerente de Abanca Innova, Rosa Seoane, o director xeral de Lanzadera, Javier Jiménez, e o responsable de Lanzadera Corporate, Ismael Valero, foron os encargados de introducir os detalles do programa no que, a partir de hoxe, poden apuntarse todos aqueles emprendedores e empresas emerxentes que se atopen desenvolvendo propostas nos sectores financeiro e de seguros.
No sector fintech, o programa ten o obxectivo de “atraer startups que estean a innovar nas áreas de medios de pago, fidelización, solucións para empresas, xestión de patrimonios, neobancos e mercado de capitais”; mentres que en insurtech búscanse “empresas centradas nas áreas de novos produtos, detección de fraude, análise de datos, automatización e experiencia de clientes”.
O programa está concibido como complemento á estratexia de innovación da entidade financeira galega, que en Galicia conta desde 2017 coa súa propia aceleradora de startups, Abanca Innova.
Lanzadera proporcionará aos emprendedores formación e asesoramento, acceso a relatorios e eventos, e dispoñibilidade total das súas instalacións. Os equipos seleccionados contarán cunha zona de traballo e contacto continuo con outros emprendedores. Ademais, as empresas disporán dunha bolsa económica para desenvolver unha proba de concepto con Abanca.
Amais, a entidade financeira galega asignará á iniciativa persoal especializado para o asesoramento e seguimento da evolución dos proxectos seleccionados. Abanca, conxuntamente con Lanzadera, seleccionará aos participantes. O programa é equity-free, polo que as firmas participantes non terán que ceder ningunha porcentaxe da súa empresa.
Arrinca a aceleradora de novas firmas fintech de Abanca e Lanzadera
Compartir Este Artigo

